IniciosociedadeViaxes de maiores da Mariña deixan positivos e ingresos e fan rastrexar...

Viaxes de maiores da Mariña deixan positivos e ingresos e fan rastrexar contactos para evitar contaxios

Alomenos once sanitarias do hospital de Burela deron resultados positivos nas probas e unha atópase na UCI

Publicada o

- Advertisement -

Alomenos tres viaxes turísticas de grupos de maiores realizadas a principios do presente mes de marzo foron foco de contaxio de coronavirus con positivos confirmados na Mariña Lucense, algúns deles con necesidade de ingreso no hospital de Burela.

Estas excursións motivaron en parte o aumento dos ingresos confirmado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), que computou o pasado mércores oito persoas no Hospital Público da Mariña con resultado positivo por coronavirus -unha delas na Unidade de Coidados Intensivos (UCI)-, seis máis ca o pasado martes. Non se inclúe nesta estatística oficial o número de persoas que permanecen no centro hospitalario mariñao á espera do resultado das probas.

Segundo puido saber o Xornal da Mariña, unha destas viaxes foi a Fuengirola (Málaga), o 2 de marzo; outra a Fátima (Portugal), entre o día 7 e mailo 9, e unha terceira a Lloret de Mar (Xerona), tamén na primeira quincena do mes.

Alomenos tres das persoas ingresadas con positivo confirmado realizaron a mencionada viaxe a Portugal, ao igual que outro paciente que se atopa á espera de resultados. Alomenos outra muller que tamén participou nesta saída fica en illamento domiciliario e varias compañeiras de excursión foron sometidas á proba da reacción en cadea da polimerase (PCR), a utilizada para detectar o virus.

No tocante ao desprazamento a Lloret de Mar, hai alomenos un varón que, ao peche desta información, estaba pendente de ingreso hospitalario. Este desprazamento á zona do Levante tamén deixou contaxios do virus en municipios de Ferrolterra coma o de Ortigueira, o que confirmou o propio rexedor.

Entre as persoas afectadas tralas viaxes hai veciños de San Cibrao, Xove ou Burela.

SERGAS E SERVIZOS SOCIAIS BUSCAN AOS VIAXEIROS

Ao longo dos últimos días, este tipo de viaxes foron documentados como a máis probable causa de contaxio en numerosos casos por toda a xeografía española. Consultadas sobre esta cuestión, fontes do Sergas non concretan se estas tres excursións están detrás da proliferación de positivos e de ingresos na comarca ao longo dos últimos días. Si admiten que “case todos os infectados que tivemos ata o momento na Mariña débense a viaxes ou ben a contactos con outras persoas”.

Algúns centros de saúde da Mariña, en colaboración coas concellerías de servizos sociais, tentaron localizar a todas aquelas persoas que participaron nestas viaxes para que se sometan ás PCR e para insistirlles na necesidade de que permanezan nos seus domicilios e que tomen medidas de precaución como manter as distancias de seguridade ou o lavado constante de mans. Cun illamento especialmente estrito, resaltan, nos casos de persoas que convivan con positivos. Deste xeito, inciden na necesidade de non saír das casas e poñerse en contacto cos Concellos, tamén para a compra de alimentos ou fármacos.

Días atrás, o Xornal da Mariña publicou unha guía para as persoas que conviven con positivos, cunha compilación das recomendacións do Ministerio de Sanidade a fin de coidar dos pacientes e evitar novos contaxios. Podes consultala nesta ligazón.

O AUMENTO DE INGRESOS OBRIGA A REORGANIZAR A ATENCIÓN

O número de pacientes que recibe o Hospital da Mariña como casos positivos ou probables de coronavirus continúa en aumento, o que obrigou a reorganizar a atención hospitalaria e reubicar tanto as persoas con positivo confirmado como aquelas que permanecen no hospital á espera dos resultados das probas.

No tocante ao persoal sanitario, confirmáronse máis positivos. Hai alomenos once sanitarias de medicina interna do hospital de Burela infectadas polo virus, con algunhas profesionais máis á espera de resultados das probas. Unha profesional permanece na Uci.

TESTS EN MIRADOR DEL EO

Na área de medicina interna permaneceu ingresado un usuario da residencia privada Mirador del Eo, de Ribadeo, a primeira vítima mortal na Mariña Lucense do coronavirus. Esta persoa ingresara días atrás, con síntomas de bronquiolite, doenza da que era recorrente.

Finalmente, un total de oito traballadores de Mirador del Eo foron sometidos a probas PCR. Ao peche desta información non trascenderan resultados e non había persoas con síntomas do virus, segundo confirmou a propia empresa, nin empregados nin usuarios (14). Outra usuaria dos pisos tutelados permanece ingresada en planta no centro hospitalario mariñao, con positivo confirmado.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...