A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus confirmados na provincia de Lugo é de 128, 29 máis que o pasado mércores. Deles, un permanece en Unidade de Coidados Intensivos (UCI) no Hospital Público da Mariña, e hai outros sete en planta; deste xeito suman cinco máis ca o día 25.
En total, na área sanitaria de Lugo, Burela e Monforte hai seis persoas na UCI e 38 en hospitalización -17 máis nun día-. No tocante aos positivos en illamento domiciliario, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 84 -cun incremento de doce persoas con respecto á última actualización-.
1.832 INFECTADOS NA AUTONOMÍA
En Galicia, o número de casos ascende a 1.832, deles 438 son da área da Coruña, 231 da de Ourense, 222 da de Pontevedra, 462 da área de Vigo, 302 da de Santiago, e 49 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 86 permanecen en UCI, 499 están en unidades de hospitalización e 1.247 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 47 altas de pacientes e 36 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a catro varóns: un deles de 63 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario de Ourense; ademais doutro home de 74 anos ingresado no Hospital de Montecelo; outro de 87 anos que estaba ingresado no Hospital A Rosaleda en Santiago; e outro home, tamén de 87 anos que estaba ingresado en Ferrol. Os catro tiñan patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 8.805.