“Lémbrome moito do comentario que fixera un profesor de Xornalismo sobre un ensaio de Umberto Eco. “Non sei se vos imaxinabades que alguén puidera dedicar un libro enteiro a falar dos espellos”. “Dos espellos non sei, pero das fiestras se cadra si”, pensara eu, que sempre ando dicindo o moito que me gustan as ventás.
De súpeto, as fiestras teñen máis protagonismo ca nunca. Son espazo de encontro entre veciñas que conversan de casa a casa e que aplauden ás oito da tarde; expositores nos que pendurar os debuxos coloridos da rapazada sen clase; o buraco polo que proxectar no edificio de en fronte frases de ánimo e críticas políticas. Mesmo poden ser a barra dun bar improvisado.
“As fiestras son a garantía de normalidade nesta situación tan anormal. Ao outro lado, a vida segue. Máis amodiño e máis triste, pero segue. A primavera avanza allea a toda esta leria e píntanse no ceo uns solpores ben bonitos”, escribe Silvia López.
Continúa a ler esta nova entrega do Diario de Corentena premendo na ligazón que hai baixo estas liñas.
Día 13 de corentena: a vida a través das fiestras (ou cando montas un bar na ventá da cociña)