Os pacientes con coronavirus na Uci da Mariña aumentan a catro, con seis en planta

O Sergas confirma que 17 sanitarias de medicina interna están afectadas polo virus

Hospital Público da Mariña. PLATAFORMA

Catro pacientes con positivo por coronavirus permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Público da Mariña e outros seis en planta, segundo datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) no mediodía deste sábado.

O número de pacientes na UCI aumentou en tres segundo a estatística oficial ofrecida pola Consellería de Sanidade o pasado día 27, que contabilizaba unha persoa en vixilancia intensiva e outras nove en hospitalización.

Segundo as mesmas fontes, 17 sanitarias da área de medicina interna están infectadas por coronavirus. Segundo o Sergas, “a todos os profesionais afectados fíxoselles o corresponde estudo epidemiolóxico, así como a proba do Covid-19”, medidas que se tomaron “con todos os pacientes ingresados”. Ademais, as mesmas fontes resaltan que se procedeu “a unha desinfección a fondo” da planta.

POSITIVOS NA RESIDENCIA DE FOZ E NA POLICÍA NACIONAL DE VIVEIRO

A Consellería de Política Social informou o pasado venres de que se documentou un positivo por a residencia de maiores de Foz. Trátase, segundo precisaron desde a dirección do centro, dun traballador que permanece illado “desde hai 16 días”, cando pediu a baixa por bronquiolite. Non hai empregados nin usuarios con síntomas nin tampouco en corentena no xeriátrico, que celebrou con normalidade o seu primeiro aniversario.

Tamén se confirmou que un axente de Viveiro é un dos dez traballadores da Policía Nacional infectados en Galicia.

79 NOVOS CASOS A NIVEL PROVINCIAL, 72 EN DOMICILIO

Na provincia, o número de casos aumentou nun día en 79, de 140 a 219. O incremento está relacionado principalmente cos casos detectados en domicilio, xa que se rexistraron 72 novos positivos con respecto aos datos ofrecidos o pasado venres (de 94 a 166). O Sergas atribúe este incremento á implantación do test rápido en coches.

Actualmente, na provincia hai dez pacientes en UCI (os outros seis no Hospital Universitario Lucus Augusti); 43 en hospitalización (catro en Monforte e 33 no HULA).

CINCUENTA MORTES EN GALICIA

Na última actualización a nivel galego o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.627; deles 597 son da área da Coruña, 371 da de Ourense, 290 da de Pontevedra, 633 da área de Vigo, 454 da de Santiago, e 63 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 110 permanecen en UCI, 652 están en unidades de hospitalización e 1.865 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 95 altas de pacientes e 50 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 12.885.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here