O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este sábado que todos os traballadores de actividades non esenciais deberán quedarse na casa as próximas dúas semanas e percibirán un permiso retribuído recuperable. Desta forma, non terán que desprazarse aos seus centros de traballo desde este luns, 30 de marzo, e ata o próximo 9 de abril, ambos incluídos, segundo aprobará mañá un Consello de Ministros extraordinario.
Nunha comparecencia telemática desde A Moncloa, o xefe do Executivo dixo que se trata dunha “medida excepcional” coa que se pretende reducir as posibilidades de contaxio do coronavirus. Tamén explicou que será despois, cando pase este período de cese de actividade, cando deberán recuperar as horas de traballo non prestadas “de xeito paulatino” e espaciado no tempo.
Segundo expuxo a Cadena Ser, as actividades consideradas como esenciais son as seguintes: cultivos, pesca, gandería, agricultura e outras ramas do sector primario; téxtiles e roupa de traballo (protección de sanitarios); fabricación de produtos químicos farmacéuticos ou equipos que poidan servir para o suministro médico ou terapéutico, ademais dos profesionais dos medios de comunicación e o persoal sanitario.
SUSPENDIDAS AS VISITAS ÁS CATEDRAIS
Antes da comparecencia, a Xunta suspendera as autorizacións, mentres dure o estado de alarma, para visitar a praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo) e o Parque Nacional Marítimo Terrestre das illas Atlánticas.
Segundo indica a Consellería de Medio Ambiente nun comunicado, tamén pechou na web a posibilidade de solicitar novos permisos de acceso a ambos espazos naturais para os días de Semana Santa afectados pola prórroga do decreto de declaración do estado de alarma, publicada este sábado no BOE.
A suspensión afecta tanto aos permisos outorgados ata o momento para visitar a zona, que quedan sen efecto, como ás reservas de visitas guiadas que ofrece a Xunta neste periodo.
O Goberno galego recorda que unha das primeiras decisións adoptadas no Centro de Coordinación Operativa (Cecop), no ámbito das competencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, foi restrinxir desde o 16 de marzo todas as actividades de uso público no parque das illas Atlánticas.