Tres pacientes permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do Hospital Público da Mariña con coronavirus, máis outros dez en planta, segundo datos ofrecidos este mediodía polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).
En total, a información oficial cuantifica 244 casos activos na provincia de Lugo, 25 máis có pasado sábado. Deles, nove estarían na Uci -os outros seis no Hospital Universitario Lucus Augusti– e 55 en hospitalización, con doce pacientes máis. Destes 55, hai sete en Monforte, un no Hospital Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA.
Ademais, contabilizáronse 180 domicilio, 14 máis có sábado.
61 FALECEMENTOS
A nivel autonómico, segundo a última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 2.925, deles 639 son da área da Coruña, 415 da de Ourense, 324 da de Pontevedra, 681 da área de Vigo, 480 da de Santiago, e 142 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 122 permanecen en Uci, 707 están en unidades de hospitalización e 2.096 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 153 altas de pacientes e 61 falecementos.
O número de probas da reacción en cadea da polimerase (PCR) realizadas é de 14.440.