IniciosociedadeA CIG urxe reforzos para a unidade de prevención de riscos laborais...

A CIG urxe reforzos para a unidade de prevención de riscos laborais da Mariña, “desbordada”

O sindicato denuncia que a médica de traballo foi desprazada ao HULA "en plena crise sanitaria" e demanda tamén máis persoal para Medicina Preventiva

Publicada o

- Advertisement -

CIG Saúde A Mariña urxe a reforzar o persoal na Unidade de Prevención de Riscos Laborais (PRL) do hospital de Burela, que está “desbordada de traballo” ante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. O sindicato nacionalista asegurou nun comunicado de prensa que a dotación de persoal deste servizo é “escasa”, dado que “a médica do traballo foi despraza ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)” e conta “cun só enfermeiro especialista en enfermaría do traballo e un técnico”.

A central sindical expón que “desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante os últimos anos as unidades de PRL non foron potenciadas, mantendo unha dotación de persoal mínima para o seu correcto funcionamento e labores a desempeñar, sendo agora nesta emerxencia sanitaria cando se evidencia a escaseza de recursos humanos e materiais así como a vital importancia da prevención de riscos laborais para loitar contra o coronavirus”.

A CIG remarca que “previamente ao comezo da emerxencia sanitaria” a unidade de PRL “estaba dotada por unha médica do traballo, un enfermeiro especialista en enfermería do traballo e un técnico en prevención de riscos laborais”.

“O NOSO CENTRO É SECUNDARIO PARA O SERGAS”, AFIRMAN

Agora, en plena crise polo coronavirus, “o Hospital Público da Mariña dispón de menos recursos humanos neste servizo fundamental”, denuncian desde o sindicato, porque “o Hospital da Mariña atópase sen médica do traballo, xa que única profesional do centro foi desprazada ao Lucus Augusti”. Esta situación, xulga a central, “evidencia unha vez máis que o noso centro hospitalario e a seguridade e saúde do cadro de persoal é secundario para quen dirixe a nosa sanidade desde Lugo cidade, ao dirixir os xa de por si escasos recursos humanos dispoñibles ao HULA, imposibilitando así desenvolver as funcións propias no centro mariñao”.

“A medicina do traballo é fundamental para desenvolver as funcións clínico-asistenciais así
como as orientadas cara á prevención das enfermidades profesionais e as relacionadas co traballo, así como a promoción da saúde dos traballadores e traballadoras”, explica a CIG na nota.

ACUMULACIÓN DE TAREFAS

“Así mesmo, só dispoñemos dun enfermeiro do traballo e dun só Técnico en Prevención
de Riscos Laborais, claramente insuficientes e desbordados polas tarefas para
afrontar esta crise, ás que teñen que sumar as habituais: accidentes laborais,
recoñecementos médicos, embarazos, violencia interna e externa, bioseguridade, etcétera”, expón o sindicato, que engade que os profesionais asumen ademais “avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación á infección de coronavirus SARS-CoV‐2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da obreira”.

Tamén deben, prosegue, “realizar o seguimento dos contactos casuais do cadro de persoal con casos posibles, probables ou confirmados de Covid‐19“.

“A todo iso súmase a información e formación en todas as unidades do hospital, dunha
combinación de todas as medidas preventivas, non só Equipos de Protección Individual
(EPI), para proporcionar un grao adicional de protección”, salienta a CIG.

EN MEDICINA PREVENTIVA, PERSOAL “INSUFICIENTE”

O sindicato nacionalista tamén se refire a Medicina Preventiva, “outro
servizo fundamental no manexo desta crise, que habitualmente realiza actividades de atención individual e colectiva, no ámbito da medicina preventiva e da saúde pública, cunhas funcións orientadas principalmente á vixilancia epidemiolóxica de infeccións nosocomiais así como a prevención da enfermidade e promoción da saúde”.

O Hospital da Mariña “só conta cun médico preventivista e unha enfermeira na unidade, claramente insuficientes para o control e seguimento ante a epidemia do coronavirus”, argumenta o sindicato.

Ante unha situación do cadro de persoal do Hospital da Mariña que cualifica de “preocupante”polo gran número de persoas do cadro de persoal contaxiadas, a CIG esixe “aumentar e non recortar todas as ferramentas humanas e materiais preventivas, claramente insuficientes pola situación actual a pesar do gran esforzo diario que desenrolan os profesionais de ditas unidades, para así garantir a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores e tamén dos usuarios e usuarias”.

Así, reclama o reforzo das unidades de PRL e Medicina Preventiva, “con persoal médico, de enfermería, técnico e administrativo para abordar en colaboración e coordinación esta
emerxencia sanitaria no Hospital da Mariña”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...