As auxiliares dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) desenvolven un traballo esquecido e en moitos casos imprescindible, que se torna máis complexo polo medo alleo e o propio neste contexto de crise sanitaria por mor do coronavirus, pero tamén se cabe máis valioso.
A maioría dos Concellos limitaron este servizo para evitar na medida do posible o contacto entre as persoas e mesmo moitos dos maiores, os máis autosuficientes, anticipáronse á restricción solicitando a baixa, pero noutros casos a axuda a domicilio que proporcionan estas traballadoras resulta necesaria.
“As auxiliares son as que conectan a moitos maiores co mundo, son o seu único enlace co exterior”, expón Ilia Lage, xerente de Coidados S. L., que presta servizo esencialmente en Xove pero tamén en vivendas de San Cibrao ou Burela. A empresa conta con 38 obreiras, todas mulleres, como é habitual nun sector laboral feminizado, invisibilizado e con frecuencia precarizado.
“Hai xente nova que pode ocuparse dos familiares, pero a maioría deles están sós e quitando o teléfono non manexan outra tecnoloxía para contactar cos seres queridos. A outros non lles queda familia. Hai moitos casos de persoas que están illadas, que viven soas de por si durante todo o ano”, indica Lage.
AUMENTAN AS TAREFAS
Deste xeito, as tarefas habituais e imprescindibles para moitas persoas -o aseo de quenes teñen problemas de mobilidade ou están encamados, a limpeza das casas, facer a comida, levar o control das pastillas ou a propia organización dos fogares- aumentan estes días por mor do estado de alarma. “Facémoslles a compra e levámosllela, imos á farmacia por eles, e tamén agora moitos maiores teñen o problema de ir cobrar a pensión ao banco, pois a maioría anda con cartos físicos e non ten tarxeta, así que imos con eles á sucursal para que poidan dispoñer de efectivo”, resume.
BAIXAS POR MEDO AO CONTAXIO
Por riba de todo, neses casos apremia a necesidade de ofrecer compaña e respaldo a persoas que poden desenvolver problemas psicolóxicos por unha soidade á que están en parte acostumados, pero que agora se potencia polas restriccións ao movemento. “Moitos botan de menos poder ir ao mercado, porque collían o autobús con xente doutras parroquias e case era un encontro social, máis que ir mercar”, indica Lage.
Ao illamento destes días tamén se suma o temor. “A verdade é que hai medo por ambas partes, os usuarios temen que as auxiliares que van leven o virus e as propias profesionais tamén. Temos xente que se deu de baixa por pánico ao contaxio”, indica.
A PROLONGACIÓN DA CORENTENA AUMENTA O TEMOR
A prolongación da corentena, remarca, mina aos maiores. “Están máis atemorizados, máis nerviosos. Ao principio non o crían pero agora danse conta de que son persoas vulnerables, de que teñen menos posibilidades de superar o virus se os ataca, porque a esas idades, setenta e bastantes ou oitenta anos, case todos teñen patoloxías previas e están no foco. Tamén lles xera inseguridade non poder ir ao médico, algúns fano para sentirse máis seguros aínda que non teñan nada grave, e resúltalles difícil entender que non o poden facer”, concreta.
“Agora estamos tentando que vaian o mínimo de persoas posible, que da mesma casa se ocupe unha ou como moito dúas auxiliares, a menor variación posible para que estean máis tranquilos. Hai máis sensación de calma se a profesional é a mesma, aínda que ás veces é difícil compaxinar os horarios”, explica. Respecto ao material, indica que “andabamos escasas de mascariñas e de equipos de protección individual (EPIs) pero agora temos todo o necesario”.
ESTRÉS
Ao igual que os maiores, as profesionais tamén lidian co medo. “É maior o temor a contaxiar que a que te contaxien, especialmente agora que se sabe que hai xente infectada asintomática, trabállase con presión porque un contaxio a determinadas persoas, cunha idade ou enfermidades previas, pode ser irreversible”.
Unha situación que non queda no traballo, xa que de ser infectadas, as auxiliares tamén poden ter dificultades nas súas propias familias. “Teñen medo e levan o estrés para a casa. Ao tempo que facemos fincapé nas precaucións para evitar contaxios tentamos tranquilizalas dicíndolles que non podemos vivir nunha burbulla, que calquera nun momento dado pode ser vector do virus e que non se pode culpabilizar a ninguén“, argumenta a xerente.
RECLAMAN PROBAS PARA OS CASOS DUBIDOSOS
Neste sentido, lamenta que non se lle fagan probas a todas as profesionais que o requiren. “Temos unha persoa en illamento, non porque estea con síntomas, pero si porque ten un contacto lonxano que deu positivo e preferímolo así por precaución. Pero non lle fan a proba porque é asintomática”, relata.
Deste xeito, entende que se lles está a trasladar unha decisión que pode resultar relevante sen ter o aval dos resultados. “Un médico díxolle á nosa auxiliar que fose traballar, pero ela preferiu que non, di que se contaxia a alguén non lle pasa o disgusto. Se leva 15 días sen síntomas o lóxico é que volva traballar e iso xéranos incerteza. Se hai casos con dúbidas deixamos as traballadoras na casa, pero precisamos que nos digan con claridade unha diagnose”, reclama.
Unha vicisitude máis a engadir a un traballo que “debera de ter máis prestixio a nivel popular; non somos sanitarias pero somos desa mesma área e creo que debera recoñecérsenos a nosa labor”, conclúe Lage.