Iniciosociedade"A postura de Holanda fronte ao coronavirus non sorprende, é algo cultural...

“A postura de Holanda fronte ao coronavirus non sorprende, é algo cultural e son xente moi pragmática”

Guillermo Fernández, informático natural de Burela, conta como vive a pandemia un país que está no ollo do furacán en España pola súa postura dentro do conxunto de Europa

Publicada o

- Advertisement -

Leva cinco anos en Holanda, unha terra que lle deu estabilidade e onde foi pai. Guillermo Fernández, informático natural de Burela, conta desde Amsterdam como vive a emerxencia sanitaria do coronavirus un país que está no ollo do furacán en España pola súa postura dentro do conxunto da Unión Europea e por unha estratexia sanitaria que provoca críticas.

Como se está a vivir a crise sanitaria en Holanda?

Ata hai nada non se facía nin caso, pero parece que os últimos catro ou cinco días a xente tomou máis consciencia. Eu diría que os holandeses están a vivilo con sorpresa, pero si que dunha semana para aquí a xente empeza a esquivarte pola rúa e a manter as distancias. Nós estamos a traballar desde a casa, posiblemente ata o 1 de xuño.

“ata hai uns días non se facía nin caso, pero agora a xente empeza a esquivarte pola rúa”

MEDIDAS DE CONTENCIÓN

Cales son as medidas de prevención que tomou o Goberno holandés?

A nivel de sair á rúa, as indicacions son bastante claras; podemos seguir saíndo pero o mínimo, para comprar víveres ou para coidar de alguén. Nese caso debemos manter 1,5 metros de distancia entre nós excepto se se trata do núcleo familiar. Tamén se restrinxen as visitas á casa, cun máximo de tres persoas ao mesmo tempo.

No relativo aos establecementos, cafés e restaurantes están pechados pero non os hoteis. O transporte público segue a funcionar con normalidade, polo menos aquí en Amsterdam, pero sempre respectando o 1,5 metros de distancia. As escolas e garderías están pechadas tamén.

O IMPACTO DO VIRUS, EN AUMENTO

Holanda vén de reportar 1.651 mortes. Cales son as perspectivas nos próximos días, cando se agarda o pico de contaxios?

Nós de momento seguimos unha web que colle datos só do RIVM, que é o Instituto Nacional de Saúde e Medio Ambiente. As cifras publícanse arredor das 14.30 horas todos os días. Ata agora aseguraban ter o coronavirus baixo control, e non escoitamos nada de cando chegariamos ao pico.

A verdade é que seguimos bastante de preto as novas do primeiro ministro, Mark Rutte, e a mensaxe endureceuse a última semana con leis máis duras para que a xente quede na casa o máximo posible. Se ben nós, ao ter información de España, estamos a ser un pouco máis precavidos pero xa dende o principio.

“a idea de non tratar aos máis maiores, aparte de para que non morran sós, ten un transfondo económico”

Non temos sensación de inseguridade, pero a verdade é que vendo as noticias que viñan de España e como o estaban a tomar aquí si que vivimos un pouco de medo.

POLÉMICA NA UE

Aínda que vén de anunciar unha postura máis aberta a axudas, Holanda mantense oposta aos eurobonos e a súa maneira de afrontar a pandemia, coa negativa a levar determinados anciáns aos hospitais, desatou críticas en España.

Este tema a verdade é que é bastante subxectivo e cultural. Teño que dicir que non nos sorprendeu; despois de cinco anos aquí comprendes que son unha xente bastante pragmática e fría. Hai que ter en conta que aquí todos temos a obriga por lei de ter un seguro privado. A idea de non tratar a xente maior dunha certa idade, ademais de para que non morran sós, ten unha implicación económica. Creo que unha das cousas que calquera expatriado menciona de Holanda é a diferencia a nivel de atención sanitaria con España. Creo que o noso sistema sanitario é un luxo e que temos que coidalo entre todos.

“Calquera expatriado menciona a diferenza de atención sanitaria, aquí temos a obriga de ter un seguro privado”

Como segue desde a distancia a situación aquí?

A familia é o máis preocupante. Digamos que nós somos bastante afortunados, non temos xente de risco coñecida por aquí. Cando ves os números en España a verdade é que asustan, pero estamos en contacto todos os días cos seres queridos para ver que todos está ben, de momento si.

A verdade é que algúns dos nosos compañeiros marcharon de viaxe a España e de momento seguen alí confinados. Algúns deixaron o portátil aquí e tiveron que improvisar para poder conectarse e traballar dende o ordenador dos pais. Para nós o primeiro é volver a casa e poder abrazar á nosa familia e amigos. Tiñamos pensado ir alá por Semana Santa e a espera ata o verán váisenos facer demasiado longa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...