Voluntarios da asociación Nordés, que se ubica na Serra da Faladoira, na área que une as comarcas de Ortegal e A Mariña Lucense, crearon “Parola(r)“, unha “rede de conversas telefónicas” para acompañar a persoas que viven soas a corentena polo coronavirus.
O colectivo abogou este venres por “tender pontes e ofrecer o noso apoio telefónico a aquelas persoas que están pasando o confinamento en solitario”. A iniciativa abarca os municipios coruñeses de Ortigueira e Mañón, da comarca de Ortegal, e o limítrofe do Vicedo, xa na costa da provincia de Lugo. “Si queres falar ou coñeces a alguén que o necesite, podemos facer compaña desde as nosas casas”, apuntou.
Sobre o proxecto, a asociación Nordés detallou que persoas “voluntarias non profesionais” vinculadas coa organización “estarán alén da liña telefónica” para conversar “con quen decida chamar”. O seu coordinador, Ricardo Bellas, exercerá como responsable do servizo telefónico.
COMPROMISO DE CONFIDENCIALIDADE
“Estamos todos un pouco en shock polo que pasou coa pandemia. Tivemos que botar as actividades programadas un pouquiño atrás, e nunha conversa colectiva a través de Internet decidimos activar esta medida. Dubidabamos de se podería ter unha implicación legal, pero despois de consultalo vemos que non hai problema, para quen queira será como chamar para contar unha historia á Radio Galega, por poñer un exemplo”, expón Bellas, que remarca que a agrupación comprométese a manter a confidencialidade sobre os contidos e as persoas.
O colectivo ten un grupo “de sete persoas” dispostas a dar palique a toda aquela persoa que necesite un alivio da soidade do confinamento. “Uns temos máis dispoñibilidade e dedicarémoslle dúas horas diarias, outros que están traballando desde a casa ou teñen responsabilidades familiares poderán unha, cada un o seu gran de area”, expón. Bellas concreta que “estamos tentando informar por diversas canles” da iniciativa, “en prensa, incluso a través dos panadeiros que levan o pan a domicilio”.
CINCO MILLÓNS DE PERSOAS VIVEN SOAS EN ESPAÑA
O servizo que ofrece Nordés está pensado principalmente para os maiores que viven sós. “Exceptuando núcleos urbáns, como O Barqueiro ou O Vicedo, moita poboación envellecida reside en aldeas, algunhas persoas soas”, salienta Bellas, que con todo lembra que a iniciativa “está aberta para aquel que o precise”. Segundo a axencia Efe, cinco millóns de persoas en España afrontan a corentena soas.
Bellas fai fincapé en que non se trata de conversas con especialistas, de xeito que de advertiren que a persoa ao teléfono precisa axuda, Nordés pode exercer de enlace coas autoridades gubernamentais ou sanitarias competentes. “Se esa persoa comenta que lle falta alimento, ou algún tipo de prestación, por suposto comunicarémosllo a quen corresponda”, concreta.
O obxectivo é “cambiar o estado de ánimo” das persoas que viven soas. “A xente maior das aldeas, segundo saúdas, é moi amable, notas que moita dela vive sen compaña, e se pos interese en seguida se abren, gústalles falar e contar. Nós podemos ofrecer iso, un tempo de relaxación, de falar de todo o que precisen pero tentando buscar cousas positivas“.