Iniciosociedade"Esperamos o pico de contaxios e de hospitalizacións por coronavirus nas próximas...

“Esperamos o pico de contaxios e de hospitalizacións por coronavirus nas próximas dúas semanas”

A xerente executiva do Hospital Público da Mariña, María José Cortés, explica como afronta o centro o que será probablemente o período de maior esixencia asistencial da súa historia

Publicada o

- Advertisement -

A responsable do Hospital Público da Mariña, María José Cortés Canay, cumprirá tres anos no cargo nos vindeiros días, pois foi un mes de abril cando asumiu a xerencia executiva do mesmo. Atendeu ao Xornal da Mariña para explicar como afronta o persoal as semanas probablemente máis esixentes da historia do centro hospitalario de Burela, nas que se esperan os picos de contaxios e hospitalizacións por mor do coronavirus.

Cal é a situación no Hospital Público da Mariña?

Estamos nunha situación que podemos dicir de estabilidade. Non quere dicir isto que esteamos na parte alta da curva, pero podemos dicir que desde o mércores estamos mantendo uns datos favorables, coas primeiras altas.

A estatística oficial fala de 23 ingresados, pero reciben casos que amosan síntomas compatibles co Covid-19 e están pendentes de que a proba PCR confirme a diagnose. Cantos son, supoñen un número elevado e con elo unha presión engadida?

Pois actualmente (polo pasado venres) son tres casos nestas circunstancias, pendentes. Nestes casos, son tratados desde o principio como positivos, e de ser o resultado negativo pasarían á zona de hospitalización convencional. Como ves non é un dato moi elevado e é bastante constante, nese ritmo nos estamos a mover máis ou menos ao longo dos últimos días.

“ESTAMOS NUNHA SITUACIÓN DE ESTABILIDADE, LEVANDO DESDE HAI DÍAS DATOS FAVORABLES”

REORGANIZACIÓN

Como están a reorganizar os servizos para atender a presión asistencial polo virus e ao mesmo tempo a aquelas persoas que requiren asistencia tendo outras patoloxías?

O hospital está reorganizado de tal maneira que utilizamos unha serie de recursos destinados a pacientes Covid-19, tendo tamén recursos suficientes para atender pacientes que veñen por outros motivos. Diminuíuse ao máximo posible a actividade de consultas, citándose unicamente a aqueles que é importante que veñan porque teñen que ver algún resultado ou padecen un problema de saúde que non se pode demorar. Eses doentes estanse tratando igual ca sempre. Na planta de medicina interna e cirurxía funcionan con normalidade, e temos unha unidade para persoas con coronavirus.

Temos planificado se é necesario ampliar un espazo, pero non foi necesario, polo menos esta semana. Dispuxemos circuítos diferenciados en todos os ámbitos. En Urxencias, por exemplo, por unha porta entran aqueles pacientes sospeitosos de Covid-19, por outra entran o resto de doentes. En quirófano tamén hai habilitados espazos diferentes.

UCI

Semella que a área que máis preocupa nos hospitais, polo visto até o de agora, é a Unidade de Coidados Intensivos (Uci). Tamén na Mariña?

Desde logo, o lugar que máis nos preocupa a todo o sistema sanitario son as camas de críticos. Son difíciles de dispoñer e reemprazar. Manexamos un dato de catro persoas na Uci, tendo capacidade para asumir máis enfermos. Temos sete camas como zona Covid-19, para os pacientes que contraeran o virus, pero hai outras seis nunha área non reservada para o coronavirus, así que por agora hai un pouco de marxe.

“A UCI É O QUE MÁIS PREOCUPA, PERO TEMOS UN POUCO DE MARXE. HAI CINCO DE SETE CAMAS OCUPADAS E OUTRAS SEIS SEN RESERVAR”

PRESIÓN ASISTENCIAL

Rafael Monte, o voceiro da área Sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña ante a crise do COVID-19, asegurou que o pico de ingresos se agarda para finais da vindeira semana.

Niso, nós non temos datos propios dese prognóstico a nivel do Hospital da Mariña, isto forma parte duns datos estatísticos que son tomados por expertos a un nivel máis global, da área sanitaria. A previsión dos expertos é que a mediados/finais da semana que vén sexa o pico de contaxios. A partir de aí, uns días despois comezarían os síntomas e os casos que se compliquen e requiran ingresos, así que o pico de hospitalizacións sería a finais da semana que vén e principios da seguinte, despois da Semana Santa. Obviamente, despois a realidade pode ser outra, porque agarrámonos a unha estatística.

Por iso eu faría fincapé en que a poboación siga as indicacións que se están a dar desde as autoridades sanitarias, que se queden na casa, que manteñan as distancias e que laven as mans. O pico de contaxios está por chegar.

“AGARDAMOS A MAIOR ESIXENCIA TRALA SEMANA SANTA. POR ISO FARÍA FINCAPÉ EN QUE A XENTE SIGA AS INDICACIÓNS DAS AUTORIDADES SANITARIAS”

CONFINAMENTO

Fala do confinamento. Están a percibir que funciona?

A nosa impresión, porque non temos por agora un estudo elaborado, é que si. Dígoo porque sabemos que algunhas das persoas que levan tempo ingresadas poderían ter contaxios na súa contorna familiar, mesmo con ingresos, e iso non está a pasar de forma acusada. Esas persoas confinadas en canto tiveron síntomas xeraron poucos contaxios na súa contorna. Iso quere dicir que a corentena impide que se propague o virus a outras persoas cercanas. Pensamos que esta corentena, esas medidas que se tomaron tan duras a nivel social, están tendo un resultado a nivel sanitario. Hai que ser pacientes e entender que era unha necesidade e un sacrificio que está dando froito.

“CREMOS QUE A CORENTENA DÁ RESULTADO PORQUE OS INGRESADOS NON DEIXARON DEMASIADOS CONTAXIOS NA SÚA CONTORNA”

SANITARIAS INFECTADAS

Días atrás o Sergas admitía a El Progreso que 30 profesionais sanitarios do Hospital da Mariña están afectados, alomenos 17 deles en medicina interna, que é unha área que como explicou non acolle en principio doentes de coronavirus. O sindicato CIG presentou unha denuncia ante Inspección de Traballo e profesionais atribuíron os contaxios a un erro de diagnose. Como explica esta situación?

Hai uns días que se detectaron varios traballadores infectados, que están a evolucionar ben, e nos últimos días (polo venres) non tivemos novos casos. Cando un sanitario ten síntomas cúmprese o protocolo de que se retira do posto de traballo e fáiselle a proba.

No tocante aos contaxios en medicina interna, o preventivista está a realizar un informe. En principio non debera entrar ningún Covid-19 nesa área e non sabemos se puido haber contaxio entre traballadores, cremos que é axiña para sabelo. Está claro que en lugares de traballo pequenos, nos que os sanitarios manipulan os mesmos utensilios, o contaxio é doado. É posible que sexa unha das causas, pero tamén é posible que haxa outras. O que fixemos é intensificar as medidas para evitar contaxios e por iso estamos tomando tantas precaucións, non só no tocante á atención sanitaria, porque nese caso son moi estritas, senón tamén a nivel persoal, porque tamén hai contaxios de persoa a persoa nun contexto que non é de atención sanitaria.

“É AXIÑA PARA SABER QUE PASOU EN MEDICINA INTERNA. NON DEBERA ENTRAR NINGÚN COVID-19 E A PROTECCIÓN É ADAPTADA AO NIVEL DE RISCO”

Respecto ao material de protección, os protocolos son do Ministerio adaptados polo Sergas, e dependendo do tipo de atención sanitaria que se ofrece hai uns equipos de protección individual (EPIs) diferentes, adaptados ao nivel de risco.

O PERSOAL

Como está a vivir o persoal esta pandemia?

Desde que comezou a haber un impacto significativo en Italia empezamos a reunirnos e ir perfilando os protocolos. Aí houbo loxicamente nerviosismo, como é normal cando varías a organización. A verdade é que as persoas que están traballando nas áreas de atención están facendo un traballo fantástico. Ten en conta que son enfermos delicados non só pola saúde senón porque están illados, non poden recibir visitas… Teñen unhas necesidades singulares e moi específicas. Ao final, o persoal do hospital é practicamente o único vínculo que teñen co exterior, e todos os traballadores están implicados ao 100%. Son conscientes do importante que é o seu traballo para os enfermos e para as súas familias, porque están a demostrar unha gran sensibilidade. Hai que agradecerlles todo o que están facendo.

“O PERSOAL É O ÚNICO VÍNCULO COS ENFERMOS DE COVID-19, ILLADOS. ESTÁ A FACER UN TRABALLO FANTÁSTICO E A AMOSARSE SENSIBLE”

Tamén destacaría que o resto do persoal, que non atende persoas con Covid-19, están asumindo unha sobrecarga de traballo, e é moi complicado cando cambias unhas rutinas que funcionaban ben e tes que facer as túas tarefas doutro xeito. Pero resalto o esforzo daqueles que están en primeira liña co coronavirus, porque fan agora mesmo unha labor vital.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...