A asociación de veciños Costa de Laxamoura impulsará o día 24, coincidindo co día de San Bartolo, a tradicional Feira de San Isidoro de Monte, en Penasagudas. A organización conta co patrocinio do Concello de Xove e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
ACTIVIDADES
A festa comezará ás 10.00 horas, coa recepción do gando no campo da feira. Ás 13.00 haberá misa solemne na igrexa de San Isidoro. Ao seu remate comezará a sesión vermú. Na feira haberá varios postos de comida onde xantar polbo ou churrasco, entre outros manxares. Ás 17.30 horas comezará a verbena con Vivarium.
CONCURSO GANDEIRO
Pola mañá celebrarase un concurso gandeiro con dúas modalidades: premiarase ao maior número de reses de vacún e ao maior número de cabezas de gando cabalar. Haberá seis premios por categoría, con importes de 20 a 90 euros.
CERTAME DE MARCHA
Pola tarde haberá concurso de marcha, con catro premios -desde 30 a 90 euros- nas modalidades de cruzados e trotós.