Repasamos nesta información as medidas adoptadas polos gobernos locais e as propostas de asociacións e oposición con respecto á situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus.
ALFOZ
A situación actual provocada pola pandemia do coronavirus (Covid-19), fixo que a organización da gala benéfica “Alfoz Solidario”, a favor da Asociación Española Contra o Cancro (Aecc), tomara fai dúas semanas a decisión de pospoñer o evento. Inicialmente a gala estaba programada para o vindeiro 25 de Abril, polo que a organización avisou a colaboradores e asistentas do seu aprazamento aínda que sen indicar, polo momento, a nova data de celebración.
BARREIROS
O Concello de Barreiros, en colaboración cos centros educativos, pon en marcha un servizo de impresión de tarefas escolares para que aquelas persoas que non teñan a posibilidade de facelo nas súas casas.
O servizo estará coordinado polo departamento de informática municipal, poñendo a disposición das persoas que o precisen o número de teléfono 666.87.59.46 e o correo electrónico cemitbarreiros@gmail.com.
O envío das tarefas tamén se pode facer por whatsapp. A previsión é que as impresións se realicen unha vez á semana, entregándose nos domicilios coa mesma frecuencia.
“Tendo en conta que a vindeira semana coincide con vacacións lectivas, o servizo entrará en pleno funcionamento a partir do 13 de abril, aínda que xa están a disposición o teléfono (en horario de 9.00 a 14.00 de luns a venres) e o enderezo electrónico para dúbidas ou ir facendo a previsión das necesidades”, explica a alcaldesa, Ana Ermida.
No caso de que o alumnado non conte con conexión a internet para descargar os traballos que lle envían desde o centro, tamén contarán con asistencia desde o Concello, podendo enviar o enderezo no que se deben obter ou organizándose co propio centro educativo.
BURELA
PLENO TELEMÁTICO EN ABRIL
O departamento de Informática do Concello de Burela traballa estes días para poder celebrar un pleno ordinario no mes de abril, que se realizaría telematicamente. O alcalde, Alfredo Llano, dixo que se está estudando esta posibilidade que tamén serviría para as xuntas de goberno, as comisións informativas e o comité de seguimento do Covid-19.
O BNG PIDE QUE SE CONCEDAN BENEFICIOS FISCAIS
O BNG de Burela realizou unha serie de propostas referentes á emerxencia sanitaria do Covid-19. Os nacionalistas propoñen que se explore o xeito de conceder beneficios fiscais ante esta crise. “No punto de mira de toda a veciñanza está o recibo de auga e lixo, posto que levaba uns meses de atraso e atopámonos cunha singularidade que pode ser moi problemática, porque se agora se van engadir os atrasos a esta taxa as consecuencias para fogares, autónomos, comerciantes e hostaleiros poden ser mais brutais aínda”, expón o voceiro nacionalista, Mario Pillado.
O BNG ALERTA DE QUE OS ATRASOS NOS RECIBOS DE AUGA E LIXO PODE TER CONSECUENCIAS PARA FOGARES E EMPRESAS
A formación frontista cre que o Concello de Burela “debe liderar a coordinación na Mariña Lucense ante a crise, tentando chegar a acordos para que sexa posible empregar o superávit sen restricións económico-financieiras”. Pillado xustifica esta petición de liderado en que “somos agora mesmo principal foco de actividade e risco co Hospital da Costa, a lonxa da que saen e entran transportes de peixe a diario e coa maior densidade de poboación da comarca”. Tamén reclama que os orzamentos municipais, por agora sen aprobar, teñan “un marcado carácter social“.
CERVO
CLASES VIRTUAIS
IMPRESIÓN DE MATERIAIS EDUCATIVOS
CANCÉLASE A FOLIADA
A Asociación Fervenza de Sargadelos decidiu cancelar a sexta Foliada de Cervo, prevista para o 2 de abril.
FOZ
O Concello de Foz realizou unha desinfección completa de urxencia no interior das instalacións da residencia e centro de día para maiores focense. Este traballo foi encargado a unha empresa homologada para este labor.
LOURENZÁ
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá, en colaboración co Concello, convoca o concurso Arte con fabas, certame no que poderán participar todos os veciños. As obras consistirán nun collage elaborado principalmente coa leguminosa, podendo acompañarse doutro tipo de materiais. A temática e o tamaño serán libres. Establécense tres categorías: ata 10 anos, de 11 a 16 anos e adultos. Haberá un premio para cada categoría, consistente nun vale de compra de 75 euros e trofeo.
As obras presentaranse na biblioteca municipal despois de que se levante o estado de alarma e se podan abrir as oficinas municipais. Nese momento informarase da data de finalización do prazo para entregar os traballos, que pasarán a ser propiedade do Concello e serán expostos durante a celebración da XXX Festa da Faba.
MONDOÑEDO
ÁREA REXURBE
O Concello de Mondoñedo completa o Plan de Dinamización para a área de rehabilitación Rexurbe, que inclúe obras de urbanización e en edificios. Co seu envío á Xunta complétase o procedemento para iniciar o mecanismo para execución das rehabilitacións previstas. Ademais da rexeneración de edificios, o plan prevé intervencións en tres ámbitos urbanos: acceso por Rocha de Vélez e Os Castros; ampliación e mellora do Camiño da Valada (enlace de Río de Xisto e os xulgados), con servizos propiamente urbanos; e a reforma da capela de Alcántara. O orzamento total é de 5,8 millóns, entre as inversións públicas (57,76%) e privadas.
Mondoñedo concreta que dos 71 negocios da asociación de comerciantes 42 tiveron que cesar a actividade
REUNIÓN VIRTUAL CO EMPRESARIADO
O Concello manterá unha reunión por videoconferencia coa asociación de empresarios para avanzar no plan transversal creado para axudar aos sectores máis afectados polo Covid-19. Será o vindeiro luns, ás 11.00 horas, e dende a entidade local explicarán ao presidente desta agrupación as principais medidas incluídas neste iniciativa, que xa foi anunciada o 23 de marzo.
En total, o colectivo representa a 71 asociados dos distintos sectores: comercial, agroalimentario, hostaleiro, mecánico e do automóbil, asesorías, perruquerías, farmacias, floristarías, construción, sanitarios, entre outros. Destes, 42 teñen pechada a súa actividade por mor do coronavirus.
RIBADEO
SUSPENSIÓN DO COBRO DE SERVIZOS NON PRESTADOS
O Concello pon en marcha medidas fiscais para aliviar a situación pola que está a atravesar a veciñanza e o empresariado ribadense, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso. Así non cobrará ou devolverá (no caso de que xa fosen pasados ao cobro) aquelas taxas de servizos que se viron suspendidos polo estado de alarma como a da piscina municipal, a da escola de música, as das escolas deportivas municipais, as dos mercados dos mércores e dos sábados, as das terrazas, a da ORA ou da axuda no fogar, entre outras. Tampouco se cobrarán os recibos de subministro de auga e recollida do lixo a aqueles locais comerciais e hostaleiros que están pechados desde que se decretou o confinamento.
O CONCELLO RIBADENSE SUSPENDE O COBRO DE AUGA E LIXO PARA OS COMERCIOS PECHADOS
RIBADEO AGROALIMENTARIO
O executivo municipal pon en marcha unha iniciativa para fomentar unha alimentación de proximidade na vila ante a situación de emerxencia sanitaria ocasionada polo coronavirus.
Co lema Ribadeo Agroalimentario, por unha alimentación máis próxima, as Concellarías de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo xunto coa de Igualdade, Ensino e Mocidade queren poñer en valor o traballo das persoas produtoras e provedoras de produto local ante as actuais circunstancias e animan ao consumo responsable, xusto para as produtoras e sostible ambientalmente. Esta iniciativa aglutina os programas de entrega a domicilio de produtos das praceiras e praceiros do Mercado de Abastos así como das produtoras de horta de Ribadeo.
Para o desenvolvemento desta campaña activouse unha web agroalimentario.ribadeo.gal dentro do portal municipal ribadeo.gal.
RIOTORTO
O Concello de Riotorto anunciou que vai pagar o recibo íntegro de autónomos dos veciños que tiveron que pechar os seus negocios polo estado de alarma sanitaria.
Os beneficiarios serán aqueles que teñan un negocio ou actividade no término municipal de Riotorto pechado polo Covid-19, sempre e cando estean empadroados no municipio.
o concello riotortense pagará a metade do recibo de marzo e a taxa de abril aos autónomos do municipio
O executivo municipal pagará o importe total dos recibos de autónomos (metade do recibo do mes de marzo e o recibo íntegro do mes de abril). As solicitudes poderanse tramitar nas oficinas municipais unha vez se levante o estado de alarma.
VIVEIRO
O BNG PIDE PROTEXER OS PASEOS TERAPÉUTICOS
O BNG de Viveiro solicita ao equipo de goberno medidas que protexan ás persoas que precisan realizar paseos terapéuticos e que respecten a súa privacidade e os seus dereitos.
“Durante estes días de confinamento, organizacións e movementos asociativos do país, que representan a persoas con discapacidade intelectual, TEA e parálise cerebral e ás súas familias, levan días levantando a voz para denunciar un feito incívico, intolerante e inhumano: berros e insultos a persoas con discapacidade e con especiais dificultades para soportar a situación de confinamento que saen das súas casas, acompañadas, en paseos terapéuticos permitidos”, indica a formación.
O BLOQUE VIVEIRENSE PIDE PROTEXER OS PASEOS TERAPÉUTICOS; LOUREIRO NON TEN CONSTANCIA DE QUE SE INCREPASE A NINGUÉN
PRECINTADO DAS FONTES PÚBLICAS
O goberno local tomou a decisión á vista da nota informativa da Consellería de Sanidade, que sinalou que son instalacións onde se pode ter máis contacto coas mans ou a boca e non se pode garantir a ausencia de Covid-19 na superficie das billas e doutros elementos construtivos.
ENTREGA DE MÁSCARAS
O Concello de Viveiro comenzou a repartir o primeiro lote de máscaras elaboradas polos 96 voluntarios e voluntarias que forman parte da iniciativa xestionada polo concello para a elaboración e distribución deste elemento de protección.
En apenas tres días coséronse unhas 500 máscaras, que foron entregadas nas dúas residencias de maiores existentes no municipio e no centro de saúde. Haberá tamén distribución nos supermercados, farmacias ou estacións de servizo, establecementos onde hai traballadoras expostas.
CAMPAÑA DO CCHV
A Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro únese á campaña de promoción comercial denominada, “A morriña non ten brazos pero aperta o corazón”, posta en marcha dende a Asociación Galega de Xerentes de CCAS do 1 ao 12 de abril.
Para participar nesta campaña os interesados deberán acceder á conta de Facebook da asociación e buscar información do concurso. A participación é moi sinxela, xa que só haberá que compartir o post de maneira pública, facer un comentario indicando o que botan de menos do comercio local cun texto, debuxo, foto ou video e indicar a poboación onde lles gustaría comprar no caso de gañar un dos vales compra.
Os particiantes entrarán no sorteo de 27 vales compra de 50 euros, un por cada CCA que participe na campaña, que se poderán gastar nos establecementos asociados, que se realizará o 13 de abril.
XOVE
O SAF DE XOVE ATENDE A 60 FAMILIAS
O Concello de Xove expuxo que con relación ao Servizo de Axuda no Fogar “tomáronse todas as medidas preventivas co fin de minimizar os posibles riscos de contaxio na población de terceira idade do Concello de Xove. Estase atendendo a un total de 60 familias con diferentes problemáticas; persoas que viven soas e carecen de apoio, con discapacidade ou dependentes”.
xove fixo entrega de alimentos a 25 familias con necesidades
Ademais, dende a entrada no estado de alerta, fixéronse dous repartos de alimentos (frescos e non perecedoiros) ás familias con maiores necesidades, asistindo a un total de 25 familias.
O BNG PIDE UNHA VALORACIÓN DO IMPACTO MUNICIPAL DO COVID-19
O BNG de Xove lamenta que o Concello “en ningún momento se puxo en contacto de maneira formal co único grupo da oposición” desde a promulgación do estado de alarma, sen solicitar o ingreso dalgún membro no comité de seguimento nin convocar a xunta de voceiros.
Os nacionalista piden unha valoración formal do impacto da crise no municipio, realizada polo equipo de goberno con informacións verídicas e contrastadas na medida en que isto sexa posible; que o executivo municipal sexa “o primeiro organismo encargado de desmentir bulos“; unha valoración seria sobre as condicións nas que se está a realizar o Servizo de Axuda no Fogar e sobre as condicións da residencia de maiores, tanto a nivel de persoal como de usuarios e usuarias; unha exposición e valoración da situación do centro de saúde e dos plans de centralización en caso de complicación da crise; información sobre “a calidade e número de medios que as diferentes Institucións están a poñer a disposición do Concello”; e “unha lista de carencias ou deficiencias que poden afectar o noso municipio ou poideran afectalo no caso dunha complicación ou alongamento da crise sanitaria”.
o bng xovense pide coñecer a situación do saf e da residencia de maiores
A DEPUTACIÓN OFRECE RESIDENCIAS Á XUNTA
A Deputación pon a disposición da Xunta as cinco residencias que ten en proceso de apertura para afrontar a crise do Covid-19. O goberno provincial ofrece á administración galega para o que precise tanto as dependencias como os equipamentos dos que dispoñen os centros de Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil.
O presidente do executivo provincial, José Tomé, expón que tomou esta decisión en consenso cos alcaldes dos concellos nos que están situadas as residencias, cos que mantivo unha conversa para abordar e acordar a medida.