Moitos son os traballadores que nesta corentena por mor do coronavirus son considerados como esenciais. Os máis aplaudidos, ou polo menos con máis repercusión mediática, son os sanitarios, os bombeiros e as forzas e corpos de seguridade, pero hai outros. Falamos cun axente medioambiental e cun recolledor de lixo.
“As oficinas están pechadas pero os traballos no monte seguen”, refire este forestal, dando a entender que o seu labor continúa, como o doutros compañeiros que teñen que velar polo territorio. Conta tamén que a consideración de ‘axentes da autoridade’ outórgalles a potestade de presentar denuncias en caso de incumprimentos do estado de alarma, co cal ademais das funcións propias que teñen estanse encargando de vixiar polo rural evitando aglomeracións.
Outro gremio que traballa a reo, expoñéndose tamén a certos riscos, é o dos traballadores da limpeza. Un obreiro cóntame que xeramos máis lixo que de costume, ao estar na casa. “Tedes aplausos da xente tamén?”, pregunto, e dime que ao repartir os cubos nalgúns barrios si, hai xente que nos aplaude bastante. Preme abaixo para ler unha nova entrega do Diario de Corentena, bitácora colectiva de Xornal de Lemos, Lugo Xornal e Xornal da Mariña.
Diario de Corentena: Outros traballadores ‘esenciais’, axentes ambientais e recolledores de lixo