IniciosociedadeRibadeo calcula que 450 persoas se benefician dos vales e repartirá 12.000...

Ribadeo calcula que 450 persoas se benefician dos vales e repartirá 12.000 quilos de alimentos ás familias

Viveiro dispón un servizo de impresión para estudantes e Foz precinta as fontes públicas

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo adquiriu 12.000 quilos de alimentos non perecedoiros para repartir entre as familias con menos recursos do municipio. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, lembrou que este reparto se fai durante todo o ano, aínda que agora se reforzou como consecuencia do estado de alarma que estamos a vivir. O goberno local calcula que 450 persoas se benefician dos vales de compra para as familias máis vulnerables.

No tocante ao reparto de alimentos, Freire expón que “son produtos básicos, non perecedoiros, con caducidades longas, tales como aceite, pasta, arroz, cereais, azucre, ou comida para bebés e leite de continuación”.

Freire referiuse tamén ao programa de vales de 50 euros para mercar alimentos e produtos de aseo, que funciona desde o pasado 25 de marzo. Os interesados deben chamar ao teléfono de Servizos Sociais para que a súa situación sexa avaliada polos técnicos e poder acollerse a esta camapña, que está “dando apoio a máis de 450 persoas a través de 150 cheques de 50 euros, dos que a maioría teñen unha frecuencia semanal”.

BURELA

FINALIZA A TEMPADA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS DE INVERNO

A Concellería de Deportes de Burela anuncia que se dan por finalizadas as Escolas Deportivas de Inverno na localidade. O Concello procederá a devolver as cotas ás familias afectadas desde mediados de marzo ata maio, que era cando ían rematar. As Escolas Deportivas de Verán quedarán pendentes das directrices que o Goberno do Estado dea para os vindeiros meses. Hai outras actividades como a Carreira Nocturna ou a Semana do Deporte, sobre as que tamén se tomará unha decisión.

DESINFECCIÓN NA RESIDENCIA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, agradeceu aos compoñentes do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Cervo a súa colaboración nas tarefas de desinfección dos exteriores da residencia de persoas maiores de Burela.

Desinfección na residencia de Burela. AXM

CERVO

DESINFECCIÓN DO XERIÁTRICO DA VEIGA

O Concello de Cervo continúa a desinfectar as inmediación do centro de día-residencia da Veiga. Os traballos de desinfección lévanse a cabo tamén na unidade residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, nos centros de saúde e nos diferentes espazos públicos do municipio.

Segundo expón o Concello, as delegacións de Protección Civil e de Servizos Sociais, a través do servizo de emerxencias municipal, entregáronlle ao persoal do centro 200 calzas que se suman ás máscaras e ás pantallas protectoras que se distribuíron días atrás. Ademais, tamén se levaron a cabo diferentes charlas sobre os protocolos de seguridade que deben seguir estritamente os traballadores, para evitar que o virus poida entrar do exterior.

Desinfección na residencia de Cervo. AXM

FOZ

O CONCELLO PRECINTA AS FONTES PÚBLICAS

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, expuxo que “emitimos un bando da Alcaldía en base ao requirimento da Xunta de Galicia, que a través da súa Consellería de Sanidade, indicaba que no caso de que fora posible había que deixar as fontes públicas sen funcionamento e adoptar as medidas correspondentes para evitar o acceso ás mesmas, para evitar os contaxios. Entón a partir de agora e durante a vixencia do estado de alarma, ata que se indique o contrario, os mananciais públicos non se poderán utilizar e haberá que usar a auga, como de forma habitual, da rede de abastecemento municipal”, zanxou.

VIVEIRO

O CONCELLO DISPÓN UN SERVIZO DE IMPRESIÓN

O Concello de Viveiro porá en marcha un servizo de impresión de materiais educativos, dirixido ao alumnado de educación obrigatoria e Bacharelato que teña dificultades no acceso á impresión de documentación, segundo os criterios técnicos de Servizos Sociais.

As familias interesadas en facer uso deste servicio deben remitir un correo electrónico ao enderezo apuntesviveiro@viveiro.es, indicando o seu nome e apelidos, domicilio e teléfono de contacto, e axuntando a documentación que desexan imprimir.

Tras os trámites correspondentes, o material impreso será entregado no domicilio dos destinatarios, previa coordinación da data e hora de entrega. Este servizo comezará a funcionar a partir do vindeiro luns, 13 de abril.

“Con esta medida, pretendemos garantir que todo o alumnado do ensino obrigatorio poida continuar cos seus estudos durante o confinamento, evitando deste xeito os prexuízos causados a aquelas familias que carecen dos medios necesarios para imprimir e traballar cos contidos facilitados a través das distintas plataformas educativas”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

RECOLLIDA DE LIXO A DOMICILIO

Loureiro lembra, “tendo en conta que continúan detectándose enseres e voluminosos na vía pública”, que o servizo de recollida deste tipo de residuos a domicilio “quedou suspendido tras a declaración do estado de alarma”.

O Concello “apela á responsabilidade cidadá para evitar este tipo de condutas incívicas, atendendo ás graves consecuencias de salubridade que están a xerar. Advírtese, ademais, que o abandono de enseres na vía pública dará dará lugar á adopción das medidas e sancións que, de ser o caso, correspondan”, indica.

POR VIVEIRO DOARÁ 550 EUROS PARA MERCAR ALIMENTOS

Por Viveiro donará 550 euros para a compra de alimentos de primeira necesidade para ás persoas en situación de vulnerabilidade do municipio.
“Varias das persoas colaboradoras, instáronnos a donar as cantidades aportadas para fins sociais. Isto sumado a un esforzo da nosa pequena organización supón unha aportación de 550 euros, para as persoas que máis o precisan, na dificil situación que estamos vivindo”, conclúe a formación.

PESCA

MÁSCARAS PARA AS LONXAS DE CELEIRO E BURELA

A Xunta repartirá unhas 10.000 máscaras de protección fronte ao covid-19 entre máis dunha trintena de lonxas asentadas nos portos de titularidade autonómica e que manteñen a súa actividade a pesar da declaración do estado de alarma. Na provincia de Lugo chegarán a Celeiro e Burela.

DEPUTACIÓN

OS 25 DEPUTADOS DOARÁN O 30% DO SEU SALARIO EN ABRIL

O goberno bipartito da Deputación de Lugo anunciou que doará o 30% do salario correspondente ao mes de abril dos trece deputados do PSdeG-PSOE e do BNG que o integran para paliar os efectos derivados da urxencia sanitaria provocada polo coronavirus e o posterior estado de alarma para frear a súa propagación. Así o fará tamén o Partido Popular (PP), única formación na oposición con doce representantes.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...