O número de casos de coronavirus nas residencias da Mariña Lucense mantense estable segundo o reconto oficial ofrecido na tarde deste mércores pola Xunta de Galicia. A estatística ofrecida polo Goberno autonómico contabiliza, con respecto ao pasado martes, dous positivos de maiores na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo, pero segundo a dirección do centro trátase dunha actualización de datos que trascenderan con anterioridade.
No xeriátrico ribadense documentáranse días atrás dous casos de usuarios, o dun home que foi o primeiro falecido na Mariña Lucense por coronavirus e o dunha muller que recibiu a alta o pasado luns.
A raíz destes dous primeiros positivos, realizáranse probas a todos os traballadores do mesmo, oito, resultando un positivo, e tamén tests a tres dos catorce usuarios, resultando outro caso confirmado de coronavirus. O residente infectado permanece en illamento nunha habitación. O empregado, que se confinou no seu domicilio, ten a alta á espera dun segundo test e xa non entra no cómputo de casos activos do Sergas.
Na residencia Betania (Viveiro) recibiron este mércores boas novas ao longo das últimas horas. Segundo concretou a dirección do xeriátrico, ata este día 8 realizáranse probas a arredor de 110 usuarios e 36 de 38 empregados, coa totalidade dos casos negativos. Quedan pendentes os resultados dunha última quenda de probas -catro residentes, dous traballadores e unha voluntaria-.
Documentáronse ata o de agora catro positivos no xeriátrico viveirense. Deles, unha persoa foi trasladada á residencia Porta do Camiño, con prognóstico favorable e sen apenas síntomas; outros dous foron hospitalizados en Burela, dos que un recibiu a alta hospitalaria; e finalmente hai unha relixiosa en illamento, que evoluciona favorablemente e atópase á espera dunha segunda proba.
EN BURELA E EN MONDOÑEDO, Á ESPERA
A madre superiora, Sor Teresa, expón que os resultados das probas ofrecen “un alivio” e concreta que a situación no centro é “de bastante normalidade, incluso total, tendo en conta que neste tipo de xeriátricos son habituais outras patoloxías, e sempre hai incidencias, sexa unha caída, unha neumonía ou algunha outra circunstancia. Non debemos baixar a garda e seguir coas medidas de protección”, concluíu.
En Burela, dous traballadores resultaron infectados. Catro usuarios e outros nove empregados que solicitaron o test a título individual deron negativo nas primeiras probas realizadas, e comprometéronse análises para a totalidade do persoal e usuarios nos próximos días, tal e como reclamaron UGT, Concello de Burela e BNG; no centro San Rafael de Mondoñedo, onde deu positivo un empregado, tamén se realizarán as revisións de xeito inminente.