“Nestes días de cautiverio polo coronavirus afloran moitas capacidades que parecían, en boa medida, ocultas ou esquecidas, podendo destacar de entre elas: a vontade de evasión, tanto física coma espiritual ou mental; o enxeño á hora de manexar o sentido do humor; a maña ou talento para desenvolver cousas e instrumentos de primeira necesidade, dende as máis sinxelas ata as máis complexas e tecnolóxicas; ou a xenerosidade e solidariedade para cos demais.
Debemos recoñecer que, paulatinamente e segundo en que casos, estes novos sistemas de comunicación verbal ou escrita nos foron afastando do costume e da necesidade de xuntarse para falar, deixando atrás tamén a obrigatoriedade e o hábito dese contacto persoal, desas longas conversas tan agradables e enriquecedoras que contribuían a facernos máis sociables, máis comunicativos, máis colaborativos e máis xenerosos e solidarios.
Para min, tal vez, un dos lugares máis axeitados eran aquelas lareiras nas que nunca se apagaba o lume e que, ademáis de proporcionarnos calor e un lugar onde cociñar, achegábanos un espazo íntimo pero tamén colectivo, acolledor e entrañable”. Preme abaixo para ler completa a nova entrega do Diario de Corentena, bitácora colectiva de Lugo Xornal, Xornal de Lemos e Xornal da Mariña.