Di a lenda que o pobo de Foz resistiu un dos ataques normandos ao Reino de Galicia grazas á milagre de san Gonzalo. As oracións do bispo fixeron que se levantara unha tempestade e a flota nórdica naufragase. Un episodio que a localidade mariñá converteu hai oito anos nun pretexto para poñerlle a agosto o final que merece: a Festa Normanda.
A algarabía comezou este venres co pregón oficial a cargo de José Ramón Vila Otero e mais a representación teatral da lenda a cargo das veciñas e veciños de San Martiño, na área recreativa de Bispo Santo. Un aperitivo para a gran recreación do ataque normando na praia de Tupide deste sábado, no que a festa se instalou no Paseo da Ribeira.
Os vestidos de peles e as pinturas de guerra permitían seguirles a pista aos nórdicos no mercado e no campamento, ubicado diante do Cenima. No recinto, desenvolvéronse demostracións de forxa, talla de madeira, teares, talleres de costura e cordelería e un obradoiro de esgrima histórica, que espertaron a curiosidade de grandes e pequenos.
O funeral normando, ao son dos tambores e á luz dos fachos, manterá o ambiente na medianoite, e a festa continuará domingo cunha nova xornada de mercado e o reinicio dos obradoiros no campamento normando que será escenario dun “desembarco infantil”.