IniciosociedadeA presión asistencial por coronavirus segue estable na Mariña, con oito ingresados

A presión asistencial por coronavirus segue estable na Mariña, con oito ingresados

Ao igual có pasado mércores, dous pacientes permanecen na Uci de Burela e seis en planta

Publicada o

- Advertisement -

A presión asistencial por mor do coronavirus mantense estable no Hospital Público da Mariña, segundo os datos oficiais ofrecidos no mediodía deste xoves polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Dous pacientes permanecen ingresados na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do centro hospitalario de Burela e outros seis en planta. Non houbo cambios, polo tanto, desde o pasado mércores.

No tocante aos casos activos na provincia, contabilizáronse 592, tres máis. Deles, hai nove na Uci -os outros sete no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)-. Hai 39 persoas en hospitalización, tres menos ca onte -ademais dos seis na Mariña, 14 no Hospital Virxe dos Ollos Grandes e o resto no HULA-. O centro hospitalario de Monforte é o único de Galicia que non ten pacientes de Covid-19 neste momento.

Detectáronse ademais outros 544 casos que permanecen en illamento domiciliario, seis máis có pasado día 15. No histórico da provincia rexistráronse 22 falecementos e 110 altas.

405 MORTES EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.085, deles 1.332 son da área da Coruña, 592 da de Lugo, 1.203 da de Ourense, 501 da de Pontevedra, 1.089 da área de Vigo, 1.025 da de Santiago, e 343 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 123 permanecen en Uci, 678 están en unidades de hospitalización e 5.284 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.383 altas de pacientes e 405 falecementos. O número de PCR realizadas é de 53.829.

SEN CAMBIOS NAS RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, non se documentaron novos casos. Despois do falecemento dunha usuaria de 89 anos con coronavirus en Foz, no centro de maiores focego rexístranse catro positivos de residentes -tres deles trasladados ao xeriátrico medicalizado Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, e un evacuado ao Virxe dos Ollos Grandes- e seis de traballadores.

En Betania (Viveiro), segundo a estatística oficial, hai tres usuarios con positivo, por dous na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo. Unha maior da residencia privada ribadense recibiu a alta hospitalaria días atrás.

No centro de maiores de Burela hai dous traballadores afectados, por un na residencia San Rafael de Mondoñedo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...