IniciosociedadeOs 'makers' da Mariña: "o mellor de todo é ver as fotos...

Os ‘makers’ da Mariña: “o mellor de todo é ver as fotos dos sanitarios coas pantallas”

Un grupo de doce persoas na bisbarra imprimiu en 3-D máis de 1.100 viseiras protectoras que abastecen a hospitais, centros de saúde e residencias na loita contra o coronavirus

Publicada o

- Advertisement -

“As pantallas para traballar son unha marabilla”. “É unha iniciativa popular moi eficaz”. Son testemuños de sanitarios do Hospital Público da Mariña ou do centro de saúde de Cervo, que recibiron o froito do traballo do grupo de Coronavirus Makers da provincia de Lugo. Un total de 36 persoas -doce na comarca mariñá- adheríronse a este colectivo formado por 1.800 integrantes en Galicia que está a abastecer de viseiras impresas en 3-D, coa protección dunha lámina de PVC no frontal, aos profesionais da sanidade e dos servizos sociosanitarios que loitan contra a pandemia.

Unha muller residente no municipio de Cervo coordina a loxística na zona, algo diferente á organización dos repartos que funciona a nivel galego. “Noutras zonas a xente imprime en 3-D as viseiras na casa e déixaas nas farmacias, de aí pasan aos centros loxísticos das distribuidoras de medicamentos. Aquí, polas restriccións ao movemento, hai áreas onde resulta complicado chegar e facémolo un pouco distinto”, explica.

Coa colaboración de Correos, Garda Civil ou dos grupos de Protección Civil, que realizan as entregas, os elementos de protección están a chegar “ao cen por cen dos hospitais da provincia de Lugo, case diría tamén que a todos ou case todos os centros de saúde e á práctica totalidade das residencias de maiores”, concreta.

24.546 ELEMENTOS DE PROTECCIÓN REPARTIDOS EN GALICIA

As cifras impresionan: “repartíronse arredor de 1.100 pantallas só na Mariña Lucense e un total de 24.546 en Galicia, iso a día de onte (polo mércores)”, precisa. “Practicamente toda a xente do grupo imprime, pero hai quen non ten impresora 3-D na casa e fai outras tarefas, como chamadas aos centros de saúde, hospitais e residencias para consultar as necesidades que teñen. No meu edificio deixáronnos un piso baleiro para almacenar material”, indica. “Hai moitísimo traballo, pero temos unha boa coordinación”, remarca.

Outro dos traballos aparellados é o deseño do material. “Temos un grupo de deseñadores en 3-D e enxeñeiros, con médicos e sanitarios colaborando, probando a ver se o que lles enviamos funciona. Se un ten a súa impresora na casa, os deseños son abertos, pódese descargar o arquivo”, subliña.

Entre os ‘makers’ da Mariña Lucense “hai de todo; estudantes, xubilados, xente que ten unha tenda, estudantes…”, sostén. Un colectivo ao que o confinamento se lle está pasando “rápido, voando; é unha actividade diaria importante, á que lle dedicamos moito tempo”.

TAREFAS DE IMPRESIÓN… E MANTEMENTO

Nesta iniciativa solidaria que aproveita a tecnoloxía, por veces as máquinas carecen do aguante das persoas. “As impresoras non están preparadas para traballar tantas horas, así que ás veces teñen avarías. Daquela tes que desmontalas, arranxar, volver montar e volver comezar, ou ocorre que quedas sen filamentos”, manifesta.

ATENDENDO ÁS PETICIÓNS DOS PROFESIONAIS

Malia que a loxística comezou con anterioridade, desde a primeira entrega, o pasado 25 de marzo, o número de envíos e a participación aumentaron a medida que se detectaban as necesidades de material por parte dos sanitarios. “Este colectivo vén de aí, de que os profesionais da sanidade non tiñan pantallas. Aledámonos de que fixemos moitas, pero sobre todo de que están onde teñen que estar“, salienta a integrante do grupo.

Ao principio tratouse dun traballo “a contrarreloxo, cunha certa tensión ao coñecer as necesidades e organizar a loxística para o antes posible facer unha distribución deste calibre, co engadido dos problemas de mobilidade. Ademais, a impresión en 3-D é lenta, pode levar entre dúas e tres horas. Somos moita xente imprimindo á vez; hai persoas que fan 200 ou 300 pantallas, cada un o que pode”, expón.

Cunha actividade incesante, aos centros foi chegando un bálsamo en forma de caixas con pantallas ordenadas de cinco en cinco, en bolsas de conxelados: “o mellor de todo é ver as fotos que envían os sanitarios coas viseiras, é emocionante”.

COMEZARON A FABRICACIÓN DE SALVAORELLAS

Co paso dos días, a produción é menor “porque están practicamente abastecidos os centros”, pero a labor do grupo non acaba, pois “os deseñadores incorporan novidades a partir da experiencia dos sanitarios”.

Nese sentido, o grupo medita ir un paso alá e está introducindo a elaboración de salvaorellas. “Os sanitarios teñen que estar moitas horas coas máscaras e máncanse, así que estamos a facer ganchos para aliviar a presión das gomas sobre as orellas. Xurde unha necesidade e actuamos. Por agora estamos imprimindo pola nosa conta unhas poucas, pero probablemente se vai facer dunha maneira máis organizada e a maior escala”, afirma a cervense.

COLABORAR COA COMPRA DE BOBINAS DE FILAMENTO

Coronavirus Makers non admiten doazóns en diñeiro, posto que se trata dunha iniciativa sen ánimo de lucro, pero os interesados en colaborar si poden botar unha man financiando bobinas de filamento, “que se acaban moi rápido”. O importe é duns trece euros, “a prezo de custo”, e pode pagarse na páxina web do movemento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...