EFE. O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Lugo, Ramón Ares, atribuíu que a provincia teña a letalidade máis baixa no referente ao coronavirus de todas as españolas débese “a moitos factores”, non “a unha única causa”, e aínda que non se sabe “exactamente cal é a máis determinante”, si que puido influír que o Covid-19 chegase máis tarde e que se fixeron máis probas.
En declaracións a EFE, Ares explicou que o coronavirus chegou á provincia de Lugo “con certo atraso con respecto a outras zonas” do país, o que “permitiu dispoñer de máis tempo” para preparar a resposta do sistema sanitario e “acondicionar estruturas”.
Posiblemente, explicou, “a circulación endémica do virus foi menor que noutros sitios”, tamén porque en Lugo non existen “grandes núcleos” habitados e a “poboación está máis dispersa”.
Ademais, aclarou que, precisamente por non “ter unha presión asistencial tan intensa” como noutros lugares, iso permitiulle ao sistema de saúde “concentrar os recursos para atender aos pacientes”, porque se pode traballar en mellores circunstancias”.
Outro aspecto que tamén puido influír, recorda, é “a monitorización a domicilio” que xa se estaba facendo dos pacientes crónicos, porque permitiu “actuar máis rápidamente” ante determinados casos, así como a “experiencia do servizo de Xeriatría” no “control das persoas maiores”, que tamén permitiu adoptar “medidas con máis antelación”.
O feito de que se fixeron “moitas máis probas que noutros lugares” de España tamén inflúe nesa estatística, recordou, porque “mide o número de falecidos entre os positivos”.
23 MORTOS NA PROVINCIA, CINCO NA MARIÑA, DE 728 CASOS
Nese aspecto, recordou que en Galicia se adoptou por parte do Sergas a decisión de “facer o maior número posible de PCR nos hospitais, nas residencias” e nos círculos de persoas diagnosticadas de Covid-19, para realizar “unha procura activa de posibles infectados”.
Segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia, faleceron 23 persoas a causa da pandemia do coronavirus –cinco deles na Mariña Lucense, o último deles un varón de 68 anos ingresado en Burela– dun cómputo global de 728 casos.
424 FALECEMENTOS EN GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou este venres de que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.142, deles 1.371 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.207 da de Ourense, 505 da de Pontevedra, 1.095 da área de Vigo, 1.030 da de Santiago e 343 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 117 permanecen en Uci, 642 están en unidades de hospitalización e 5.383 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.456 altas de pacientes e 424 falecementos. O número de PCR realizadas é de 57.400.