IniciosociedadeRespiro polos negativos nas probas en DomusVi Viveiro e Asociación A Mariña,...

Respiro polos negativos nas probas en DomusVi Viveiro e Asociación A Mariña, que esperan outros centros

No xeriátrico de Trabada tamén se aplicaron os tests a empregados e residentes, por agora sen positivos á espera de recibir as análises dos obreiros externos

Publicada o

- Advertisement -

As probas de coronavirus realizados a usuarios e traballadores en DomusVi Viveiro deron negativo, así como as feitas na residencia da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, ubicada en Cervo. No xeriátrico de Trabada tamén se aplicaron os tests a empregados e residentes; á espera do que digan as análises sobre os obreiros externos, por agora os resultados foron alentadores.

Segundo confirmou a propia alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, os exames en DomusVi resultaron negativos na súa totalidade. Na Cidade do Landro tamén se lle realizaron as probas á totalidade de empregados e usuarios da residencia Betania, onde se documentan tres positivos de usuarios, dous deles que permanecen no xeriátrico Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. Neste centro de maiores residía un dos falecidos no Hospital Público da Mariña a causa da pandemia, un varón de 87 anos.

PRIMEIROS PASEOS TERAPÉUTICOS NA BIDUEIRA

En Cervo, os tests foron realizados o pasado domingo, e os resultados recibidos na mañá deste venres, segundo informou a propia agrupación nun comunicado de prensa. A Mariña conta cunha unidade residencial, a da Bidueira, un piso protexido e unha vivenda tutelada para a atención a mulleres con enfermidade metal vítimas de violencia de xénero. En todos os casos, as análises deron negativo.

Segundo concretou o colectivo nun comunicado de prensa, desde o decreto de estado de alarma, A Mariña atendeu 92 usuarios, realizando actuacións nos seguintes eidos: 2.326 casos de supervisión da medicación; 2.542 actuacións de atención sanitaria; 1.466 actuacións de supervisión personalizada de cada usuario ou usuaria; 2.682 intervencións sociais e de ocio; 326 intervencións psicolóxicas; 18 casos de apoio económico prestado pola asociación e, o cero casos de ingresos en agudos.

A directora da asociación, María José Nóvoa, quere “mandar unha mensaxe de tranquilidade e ánimo” e afirma que “os casos positivos” que se poidan dar nos centros non son necesariamente “sinónimo de mala praxe, senón da dificultade” que presenta a pandemia.

As persoas usuarias da asociación A Mariña xa comezaron a gozar, o propio venres 17 de abril, das saídas terapéuticas para as que teñen permiso médico.

En Trabada, os tests foron realizados a mediados desta semana. A maioría dos resultados xa chegaron, con boas novas na totalidade destes casos, aínda que a día de hoxe están á espera de recibilos algúns traballadores externos do centro.

CENTRO DE MAIORES DE CERVO

Outras residencias da comarca recibirán os tests a todos os traballadores e residentes nos vindeiros días. É o caso do xeriátrico de Cervo, onde as probas aos 53 usuarios e 33 obreiros realizaranse, segundo a dirección do centro, o vindeiro sábado.

A directora do centro de maiores, Diana Durán, expón que “tentamos que os maiores manteñan a calma e entendan o por que da prohibición de visitas dos familiares. Buscamos que poidan ter con eles o vínculo máis estreito e forte posible, a partir de cartas, vídeos e audios, cada un deles é un momento de festa. É unha situación moi complicada pero o que nos parecía inviable, pasar un mes pechados, quedou case unha anécdota e os residentes están a dar un exemplo”.

Unha das usuarias, concreta Durán, está a vivir unha situación complexa ao estar en Portugal no momento no que se decretou o estado de alarma. Está en bo estado de saúde e contacto permanente.

XOVE

En Xove, segundo precisa a dirección, as probas aos 127 residentes e 61 traballadores serán o vindeiro domingo, a tenor da previsión da Xunta. A directora do xeriátrico, Ana Noriega, expón que os maiores “están a dar unha lección de saber estar”, e agarda que as análises confirmen as “boas sensacións” no centro de maiores, onde ninguén por agora presentou síntomas.

RIBADEO

Na residencia de Ribadeo, a dirección prevé que as probas sexan a principios da semana que vén, “o luns ou o martes”. A directora, Carmen Rubiños, concreta que no xeriátrico moran 41 residentes e traballan 25 persoas.

Na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo fican dous positivos; un destes casos é o dunha muller de 74 anos que recibiu a alta do Hospital Público da Mariña e recupérase en illamento. Un usuario deste xeriátrico, de 83 anos, faleceu no centro hospitalario de Burela.

BURELA E MONDOÑEDO

Na residencia de Burela documentáronse dous positivos entre o persoal, unha vez se realizaron as probas aos 62 traballadores restantes e 63 usuarios. No centro San Rafael de Mondoñedo houbo un caso, o dun obreiro, e no hospital San Pablo, que atende a persoas con discapacidade, non se detectaron infectados.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...