“Todo ese ruído que antes tanto me molestaba, ese que nos desconcentraba e nos facía perder as referencias, agora, paradoxicamente, estrañámolo moito”. Quen fala é Carme Lucía Villalobos, unha muller invidente que vive en Compostela e que nestes días de estado de alarma polo coronavirus sente o silencio da rúa dende o interior da súa vivenda. “É incrible, irreal, non es capaz de entendelo”, afirma.
Leva sen pisar a cidade dende o día 12 de marzo. Ten a sorte, conta, de que o seu marido se encarga de facer a compra e o resto de recados que precisan no día a día. “Hai que ter en conta que nós temos unha dificultade engadida: a xente ve cos ollos, pero nós vemos coas mans“. Tocar é inherente á súa forma de vivir, cousa que xusto neste tempo resulta o menos recomendable. As luvas tampouco son a solución, porque “che quitan máis vista da que xa non temos, quedas sen tacto”. Por iso, e xa que “o medo é libre!”, Carme séntese na casa nun espazo seguro. Podes ler a reportaxe completa no Galicia Confidencial.