O número de ingresados con coronavirus no Hospital Público da Mariña mantense estable, con dúas persoas na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) e outras catro en planta.
A nivel provincial contabilízanse 605 casos, dez máis có pasado domingo. Deles, nove pacientes permanecen en unidades de críticos -os outros sete no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)- e 32 en planta -os catro da Mariña, doce no Virxe dos Ollos Grandes de Lugo e o resto no HULA, dado que Monforte segue sen doentes de coronavirus-.
En domicilio detectáronse nove casos máis ca no día de onte, para un total de 564.
455 FALECEMENTOS
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 6.296, deles 1.408 son da área da Coruña, 605 da de Lugo, 1.243 da de Ourense, 508 da de Pontevedra, 1.142 da área de Vigo, 1.046 da de Santiago, e 344 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 108 permanecen en Uci, 601 están en unidades de hospitalización e 5.587 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.548 altas de pacientes e 455 falecementos. O número de PCR realizadas é de 67.639.