A empresa Servicios Privados Antivelutina (Serpa) insta á veciñanza da Mariña Lucense a realizar tarefas de trampeo despois de capturar en cinco municipios da bisbarra –Viveiro, Muras, Burela, Foz, Xove e O Valadouro– e mailo chairego de Muras un total de 1.799 raíñas durante a primeira fase da posta de trampas.
Segundo expón o dirixente desta empresa radicada en Viveiro, José María Vázquez, no municipio viveirense catalogáronse 776 raíñas, unha cifra “desorbitada” que atribúe a que o trampeo neste concello comezou semanas antes; en Burela, segundo confirmou o propio goberno local, capturáronse 101, por 109 en Foz, 303 en Xove e 322 no Valadouro. En Muras identificáronse un total de 188.
Deste xeito, na primeira fase de trampeo -desde o 15 de marzo- rondáronse nestes seis concellos as 1.800 capturas de raíñas, polas aproximadamente 2.400 rexistradas durante toda a tempada de posta de trampas do pasado ano. Serpa iniciou xa nestes municipios a segunda fase, que en principio debe durar ata o 15 de xuño, aínda que en áreas en altitude pódese ampliar ata o mes de xullo.
AS ÁRBORES CON FLORACIÓN E OS XARDÍNS, “OS RESTAURANTES” DA AVESPA ASIÁTICA
Ditas trampas realízanse con recipientes de plástico cun líquido especial que atrae ás velutinas, e colócanse en árbores con floración, pois é onde van comer as raíñas. Nestes intres as raíñas comezan a fabricar os niños primarios, que soen instalar a baixa altura e nos noiros.
Preguntado sobre se o Covid-19 pode influír na presenza da velutina, asegura que “a natureza é imprevisible moitas veces para os propios científicos, pero estamos percibindo que tranquilidade que se está a respirar polo confinamento está facendo que se acheguen ás casas, pois ás velutinas gústalles asentarse nos refuxios. Estamos a duplicar ou a triplicar as trampas que poñemos na contorna das vivendas”, afirma.
“O restaurante das velutinas seguen sendo as floracións dos xardíns, con plantas como a camelia“, indica Vázquez, que incide en que un factor que permitía identificar moitos niños primarios de velutina -os avisos da veciñanza– queda de momento fóra de xogo por mor do confinamento para conter a pandemia.
ESTA QUINCENA “É O MOMENTO” DE POÑER TRAMPAS
“O pasado domingo retirei sete niños nuns 150 metros e intervín un no medio da leña, onde estaban as cachelas apiladas”, explica.
Deste xeito, “unha trampa que poña unha persoa no xardín, calquera, aínda que non teña abellas, leva moi pouco tempo e pode ser moi importante para autoprotexerse e para a propia comunidade, a fin conter a velutina. Agora é o momento, porque cóllense raíñas que están comezando os ciclos, mentres que no verán só se collen obreiras”, argumenta.
“A metade das raíñas que saíron do inverno teñen feitos os niños xa”, expón Vázquez, que insiste en que “esta quincena é a máis indicada para o trampeo. Poñer unha trampa garante practicamente que nunha área de 50 metros á casa non vai haber velutinas”, calcula.
TUTORIAL EN VÍDEO
O Concello do Valadouro elaborou un vídeo para que a veciñanza poida facer as súas trampas caseiras a fin de conter o espallamento da avespa asiática.