IniciosociedadeTodos negativos, usuarios e traballadores, na residencia de Xove

Todos negativos, usuarios e traballadores, na residencia de Xove

No xeriátrico de Ribadeo residentes e usuarios sometéronse ás probas na mañá deste mércores

Publicada o

- Advertisement -

Os 127 usuarios e 61 traballadores da residencia San Bartolomeu de Xove deron negativo nas probas para detectar o coronavirus, segundo concretou a dirección do centro.

A directora do xeriátrico, Ana Fernández Noriega, expuxo que a totalidade de residentes e de empregados someteuse aos tests o pasado domingo. Este mércores pola mañá recibiron os resultados, todos negativos.

Para Fernández Noriega, a confirmación de que non hai ninguén infectado polo de agora no centro supón “un alivio tremendo, especialmente polos residentes. Foron días moi tensos de espera, con moita preocupación, pero isto déixanos moi animados para seguir traballando do mesmo xeito que o fixemos ata agora”. Tamén “polas familias”, remarcou, “que non poden ver aos seus seres queridos e isto dálles tranquilidade e seguridade”, concretou, para matizar que “temos que seguir sendo precavidos porque non podemos levantar a garda en ningún momento”.

RIBADEO E TRABADA

En Ribadeo, segundo precisou a directora da residencia, Carmen Rubiños, os 41 residentes e 25 traballadores do xeriátrico sometéronse aos tests na mañá deste mércores. A previsión é recibir os resultados a finais da semana, e como moi tarde a principios da seguinte, en función da carga de traballo dos laboratorios.

Na residencia de Trabada seguen pendentes dos resultados de dous traballadores. O resto dos empregados e usuarios deron negativo nas probas.

TRECE CASOS ACTIVOS

O reconto oficial ofrecido pola Xunta de Galicia contabiliza trece positivos nas residencias da Mariña Lucense. Catro deles -os de tres residentes e unha traballadora- foron documentados no xeriátrico de Cervo. Segundo concretaron fontes de Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla-La Mancha y Galicia, que xestiona o servizo, tanto a técnico como os usuarios permanecen “asintomáticos”, e facendo “vida normal na á de illamento” habilitada.

Por agora, os residentes non serán trasladados á residencia Porta do Camiño (Santiago), como si ocorreu con outros usuarios de xeriátricos da Mariña Lucense. “En principio valoramos todos os factores, a parte médica pero tamén a humana, e decidimos que sigan con nós, co visto bo de Sanidade e da Consellería. Facémolo porque temos unha á para eles e persoal suficiente para non atendelos. En función da evolución que teñan pódese tomar a decisión de trasladalos”, indican as mesmas fontes.

En Foz, unha usuaria segue con positivo, unha muller que permanecía ingresada no hospital Virxe dos Ollos Grandes de Lugo. Así mesmo, hai dous casos activos de traballadores da residencia focega.

Na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo, documéntanse outros dous positivos, un deles o dunha muller que recibiu a alta hospitalaria.

Na residencia Betania (Viveiro), hai dous casos activos, entre os residentes. No xeriátrico de Burela tamén se documentan dous positivos, neste caso entre o persoal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...