Cada conflito social e cada tempo teñen as súas propias palabras ou expresións, as que definen parte do momento, as que se condicionan o debate. Un dos conceptos máis utilizados durante a emerxencia sanitaria que está a provocar o coronavirus é, sen dúbida, “Capitán a Posteriori“. Trátase dun personaxe da serie de debuxos animados ‘South Park‘ que rescatou, a través das redes sociais, un mindoniense, Suso Amieiro.
Ocorreu o 17 de marzo, días despois de que o Goberno decretase o estado de alarma. Amieiro, enxeñeiro de telecomunicacións asentado en Porriño pero “da casa do Llano” de Mondoñedo, tal e como se define nas redes sociais, veu a polémica levantada arredor da xestión da pandemia, con moitas persoas que criticaban a xestión do Goberno e aseguraban ter predecido o seu impacto. “Todo o mundo sabía o que hai que facer e o que se debeu facer antes; en España hai 38 millóns de seleccionadores de fútbol”, expón. Daquela, fedellando, atopouse cun vídeo que retrataba a situación, ao seu xuízo, á perfección.
“UN SÍMIL BRUTAL”
“Pensei que parecía fusilado do que está pasando, era un símil brutal. O Capitán a Posteriori chega ao incendio e comeza a dicir todo o que había que ter feito ata que os bombeiros se largan e deixan todo ardendo. Vías a toda a xente que dicía que se debeu decretar o estado de alarma antes, pero que por outro lado protestaba se non se celebraban as procesións, a Semana Santa, as Fallas… Todo o mundo estaba a ser incoherente. Pareceume unha reflexión interesante e publiqueina, e quedou aí”, relata.
Estos días muchos os estáis comportando como el «Capitán a posteriori» 🤦♂️🤦♂️🤦♂️ pic.twitter.com/WIzDwIBvx6
— Jesús Amieiro (@JesusAmieiro) March 17, 2020
Quedou aí ata que un compañeiro de traballo o advertiu de que o acababa de retuitear o ministro de Consumo, Alberto Garzón.
A EXPRESIÓN CHEGOU AO CONGRESO
Máis de 630.000 persoas viron o vídeo e o concepto do “Capitán a Posteriori” entrou de cheo no debate social e político, de xeito que foi o utilizado por Adriana Lastra, voceira do PSOE no Congreso dos Deputados, no seu enfrontamento dialéctico con Pablo Casado, presidente do Partido Popular.
Tamén foi usado por un referente de opinión da dereita, como Luis del Pino, de Libertad Digital.
1) MI HILO DE CAPITAN A POSTERIORIhttps://t.co/JdV1ioDxlQ
— Luis del Pino (@ldpsincomplejos) April 4, 2020
NON FALTARON OS ‘HATERS’
Coa súa ocorrencia, e malia que o pensamento non delinque, Amieiro catou a parte mala das redes. “Internet é ás veces moi tóxico e a cousa empezou a descontrolarse. Insultábanme, menos bonito dicían de todo. Foi unha toleada. Non quixen entrar ao trapo a nada”, resalta. Moi ao contrario, tirou de retranca para mandar saúdos e aproveitar para publicitar a súa web nas redes, cos seus 15 minutos de gloria, que diría o outro.
“Gustoume moito en tempos ‘South Park’, con ese humor negro que ten, pero tampouco son un seguidor acérrimo”, salienta Amieiro, que admite que “nin sequera lembraba ver o ‘Capitán a Posteriori’ na serie. Simplemente coincidiu ver o vídeo na rede e descargueino”, remarca.
CONFINADO NO PORRIÑO
Cun ollo en Mondoñedo e especialmente “na casa do Llano”, no barrio dos Muíños, Amieiro mantén o confinamento no Porriño coa súa parella e as súas fillas. Teletraballa na súa consultoría TIC e non prevé cambios na súa carreira, aínda que os seus amigos utilizan a retranca para convidalo á aventura. “Desde que pasou todo isto algún colega chámame influencer“, ri.