Cervo e A Pontenova celebran durante a fin de semana as súas festas da malla. Os veciños volven a vista atrás para revivir unha tarefa fundamental para as economías de autoconsumo do rural, que se foi abandonando a partir dos anos oitenta.
Na parroquia cervense de Rúa, a malla terá lugar o sábado a partir das 18.00 horas, pero a festa, organizada pola Asociación de Veciños de Rúa Candelaria, animará o lugar durante toda a xornada cun xantar, paseos a cabalo a cargo de Cabaliño de Pao, rutas de sendeirismo, demostracións de cestería e xogos populares.
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, e a edil de cultura, Dolores García, participaron da presentación do evento xunto a membros da organización, que anima aos visitantes a acudiren “vestidos de época” para ambientar.
A PONTENOVA
Ese mesmo día, no concello pontenovés, a cuarta edición da cita incluirá por primeira vez demostracións con malles –un apeiro manual para bater o cereal e extraer o gran-. O xoves, Amigos da Malla levarán ata a vila o trigo, que espera na eira de Manolo Pada, quen puxo a semente da festa e se encarga de botar o creal cada ano.
O sábado contará coa colaboración duns vintecinco veciños e veciñas para os traballos da malla, que comezarán ao mediodía e se retomarán á tarde, tras unha parada para a sesión vermú e a comida. Os asistentes poderanse divertir con xogos populares e actividades acuáticas no Pozo da Ola.