EFE. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou este sábado a orde pola que o Ministerio de Sanidade autoriza que os menores de catorce anos poidan saír a partir de mañá domingo unha hora diaria á rúa, entre as 9.00 e 21.00, a un máximo de un quilómetro das súas casas.
Non poderán facelo, sinala a orde, aqueles que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario por diagnóstico de coronavirus, ou que se atopen en corentena por ter contacto con algunha persoa diagnosticada ou con síntomas.
DOUS METROS DE DISTANCIA INTERPERSOAL
No paseo, no que segundo dixo o vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, os nenos poderán correr, saltar e levar os seus propios xoguetes, o adulto poderá ir cun máximo de tres menores que convivan con el.
Ademais, deberá manterse unha distancia interpersoal con outros adultos e nenos de polo menos dous metros e cumprir coas medidas de prevención e hixiene fronte ao coronavirus, indicadas polas autoridades sanitarias.
VÍAS PÚBLICAS, SI; PARQUES, NON
“Poderase circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas“, pero non se permite acceder a “espazos recreativos infantís ao aire libre, así como a instalacións deportivas“.
A orde subliña que é “responsabilidade do adulto acompañante” garantir que durante o paseo se cumpren os requisitos para evitar posibles contaxios.
EMPREGADOS DO FOGAR, CON AUTORIZACIÓN
Cando o adulto que acompañe á crianza non sexa ningún dos proxenitores, titores, acolledores ou gardadores legais ou de feito terá que ter unha autorización expresa destes.
As comunidades autónomas, respectando o incluído na orde, poden no exercicio das súas competencias en materia de protección e tutela de menores, adoptar as medidas necesarias para axeitar a aplicación da orde, en relación aos que residentes en centros de protección, de apoio as persoas con discapacidade ou outros servizos residenciais análogos.
O obxectivo da orde, tal e como afirmou o Goberno, é aliviar as medidas ás que estiveron sometidos os nenos e as posibles consecuencias negativas que a situación do estado de alarma conleva.