O número de positivos na provincia estabilízase en 662 tras seis días en aumento

Por cuarto día, segundo o Sergas, o número de hospitalizados na Mariña mantense en cinco, dous na Uci e tres en planta

Hospital Público da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia, 662, non variou desde o pasado sábado, segundo o reconto oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas). A cantidade de positivos documentada pola estatística oficial estabilizouse despois de seis días consecutivos en aumento, con 64 máis neste período.

Destes 662 casos, permanecen dous pacientes no Hospital Público da Mariña e outros tres en unidades de hospitalización, expón mesma fonte. Segundo a estatística oficial, é o cuarto día seguido no que o centro hospitalario ten esta presión asistencial, se non se ten en conta a aquelas persoas que son ingresadas con Covid-19 probable e están á espera de que as probas confirmen ou descarten a enfermidade.

Sete doentes permanecen nas unidades de críticos da provincia, os outros cinco no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Hai 24 persoas en hospitalización, dúas máis ca onte -tres na Mariña, doce no Virxe dos Ollos Grandes de Lugo e o resto no HULA. Monforte a día de hoxe segue a rexistrar cero ingresos por Covid-19.

Un total de 26 persoas –cinco na Mariña– faleceron por coronavirus na provincia, onde se deron 129 altas.

A nivel galego, documéntanse 523 falecementos, con 1.803 altas. O número de contaxiados en Galicia é de 6.856.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here