IniciosociedadePouca afluencia e respecto ás normas nas vilas da Mariña no primeiro...

Pouca afluencia e respecto ás normas nas vilas da Mariña no primeiro día de paseo dos nenos

As policías locais da bisbarra non percibiron aglomeracións nunha primeira xornada de "tranquilidade absoluta", na que o tempo non favoreceu saír da casa

Publicada o

- Advertisement -

A “normalidade” foi a tónica predominante nas vilas da Mariña Lucense este domingo, no primeiro día no que os menores de 14 anos poideron saír pasear desde que se decretou o estado de alarma por mor do coronavirus.

Despois de 44 días confinados -no caso dos máis pequenos, algúns con problemas para durmir na véspera a causa do nerviosismo, outros ao principio cun certo medo, segundo relatan as propias familias-, os pícaros volveron ás rúas. Equipados con máscaras, moitos subidos a patinetes ou bicicletas, nun grupo de tres por núcleo familiar como máximo, poideron pasear acompañados dun adulto durante unha hora, a un máximo dun quilómetro das casas, mantendo un espazo interpersoal suficiente e sen utilizar os parques públicos para evitar aglomeracións. A experiencia resultou un desfrute e un alivio.

Nun día chuvioso que non invitaba ao paseo, o que reduciu o número de persoas nas rúas, as normas mencionadas “cumpríronse na gran maioría dos casos e non houbo incidencias graves”, segundo coinciden os corpos policiais municipais da comarca.

“A xornada foi de tranquilidade absoluta, incluso máis da prevista“, indican fontes da Policía Local de Foz. “O día non axudou moito a que a xente saíse, pero quen o fixo cumpriu. Entregamos máscaras a quen non as tiña e non houbo un apercibimento”, sinalan. Os axentes, que notaron unha maior afluencia na quenda da mañá, vixilaron especialmente o centro da vila e as zonas da Rapadoira e Llas, onde se intuía que se poidese producir algunha aglomeración, e “houbo moi pouquiña xente”.

CARA AS AFORAS

En Viveiro, os controis intensificáronse nos paseos marítimos e parques infantís. “Non houbo aglomeracións, a xente saíu pasear de maneira moi ordenada. Non houbo multas nin apercibimentos. É certo que o día axudaba a quedar na casa e veremos se nos próximos días o comportamento é o mesmo”, sinalaron desde a Policía Local.

En Burela tampouco houbo incidencias e apenas se abordou a algunhas persoas sospeitosas de incumprir a norma no tocante á distancia máxima respecto dos domicilios. Tampouco en Ribadeo houbo “nada salientable, nin no casco urbano. O grupo meirande que vimos paseando foi un adulto con dous pequenos. Mesmo varias familias estaban a pasear na zona do instituto, nas aforas, seguramente para evitar aglomeracións”, destacan desde a Policía Local ribadense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...