As máscaras apuntan a ser protagonistas do proceso de desescalada, cando case todos volvamos a estar na rúa. Onte pola mañá saín mercar e quixen ir de estrea coa miña, nove euros me custou. Púxena na casa antes de saír para ver que pinta tiña. Despois dun minuto tiven que sacala. Pódese respirar, pero eu afogo. Confinados na casa faltouvos o aire? A min non, pero nese momento si.
Saín á rúa con ela no peto da cazadora e ata chegar ao súper poder respirar. Cando ía chegando e pensei en poñela, revolvéuseme o estómago e optei por non usala. Non fun capaz de entrar nin sen ela e volvín para a casa. Onte pola tarde volvina poñer e xa non me impresionou tanto, pero asfixia esa incapacidade de respirar aire puro e ese respirarte a ti mesmo mentres se che abafan as gafas, co olor a hospital de fondo. Claustrofobia?
Penso nos profesionais que as teñen que utilizar constantemente e en como as teremos que utilizar a partir de agora cando esteamos con xente. Esas máscaras que asfixian porque chegan dun mercado globalizado que só responde a intereses económicos.
Preme abaixo para ler unha nova entrega do Diario de Corentena, de Xornal de Lemos, Lugo Xornal e Xornal da Mariña.