Guía para aclarar dúbidas sobre a apertura dos paseos de adultos e o deporte individual

Doce de 16 concellos da Mariña beneficiaranse da medida que permite flexibilizar o horario das saídas; non así Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo

Carreira das Praias de Barreiros. AXM

EFE. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica a orde que fixa as condicións nas que as persoas maiores de 14 anos poderán pasear e facer deporte individual sen contacto desde o sábado, durante unha vez ao día e sen límite de tempo, pero respectando uns horarios e mantendo a distancia de seguridade. Segundo a orde ditada polo Ministerio de Sanidade, para evitar aglomeracións as entidades locais facilitarán a repartición do espazo público a favor dos que camiñan e dos que van en bicicleta, tendo prioridade os primeiros.

– Quedan excluídas destas saídas as persoas que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por coronavirus, ou que se atopen en período de corentena domiciliaria. Tampouco poden saír os residentes en centros sociosanitarios de maiores.

COMO MOITO, DÚAS PERSOAS NOS PASEOS

– Durante os paseos poderase saír acompañado dunha soa persoa coa que se convive.

– As persoas dependentes poderán facelo tamén acompañadas por unha persoa empregada de fogar a cargo ou coidadora habitual.

HORARIOS EN FUNCIÓN DA POBOACIÓN MUNICIPAL E DA IDADE

– Con carácter xeral, para os cidadáns maiores de 14 anos, a práctica de deporte individual e os paseos só se poderán levar a cabo entre as 6.00 horas e as 10.00 horas e entre as 20.00 horas e as 23.00 horas.

– Aquelas persoas que requiran saír acompañadas por motivos de necesidade e os maiores de 70 de anos poderán facelo entre as 10.00 horas e as 12.00 horas e entre as 19.00 horas e as 20.00 horas.

– Os nenos, acompañados dun adulto, poderán realizar un paseo diario, de máximo unha hora de duración e a unha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao seu domicilio, entre as 12.00 horas e as 19.00 horas (a semana pasada o horario era de 9.00 a 21.00 horas).

– Nos municipios cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes as saídas poderán realizarse entre as 6.00 horas e as 23.00 horas. Neste sentido, desta norma benefícianse os veciños de doce de 16 concellos da Mariña, agás os de Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, que terán que someterse as restriccións mencionadas con anterioridade (de 6.00 a 10.00 e de 20.00 a 23.00 horas).

DISTANCIAS

– Os paseos realizaranse cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio.

– A práctica non profesional de calquera deporte individual está permitida dentro do municipio onde se reside.

– Poderase circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas, aínda que non se poderá acceder a instalacións deportivas pechadas.

– Non se pode usar vehículo motorizado nin transporte público para desprazarse co fin de pasear ou facer deporte.

MEDIDAS DE PRECAUCIÓN

– Deberase manter unha distancia interpersoal con terceiros de polo menos dous metros e débense evitar os espazos concorridos, así como aqueles lugares onde poidan existir aglomeracións.

– Na medida do posible, os paseos e a actividade deportiva débese realizar de maneira continuada evitando paradas innecesarias nas vías ou espazos públicos. Cando sexa necesario, levará a cabo polo tempo estritamente necesario.

– Deberanse cumprir as medidas de prevención e hixiene fronte á Covid-19 indicadas polas autoridades sanitarias.

APP DA DEPUTACIÓN PARA MEDIR DISTANCIAS

A Deputación de Lugo activa a aplicación Mide a túa saída (https://mideatuasaida.deputacionlugo.org/) para facilitarlle aos cidadáns os desprazamentos que se poden realizar durante a desescalada do confinamento decretado pola crise do coronavirus. A ferramenta, moi doada de usar, calcula o límite exacto ao que pode chegar cada persoa dende a súa casa para desenvolver as actividades permitidas polas autoridades.

A aplicación pódese utilizar en calquera dispositivo electrónico, aínda que por comodidade e utilidade, recoméndase o seu uso en teléfonos móbiles ou tablets. Para poñela en funcionamento, hai que activar a ubicación no dispositivo e darlle permiso á web para acceder a esta información. Desta maneira, Mide a túa saída procede ao cálculo do perímetro, quedando rexistrada a posición inicial do usuario como punto de referencia, que debe ser o lugar no que se reside. A partir de aí, amosa un mapa que sinala cunha cor vermella o radio dun quilómetro ou de cinco, en función da actividade que se desexe desenvolver, saír cos nenos, dar un paseo ou desprazarse ás hortas de autoconsumo.

A web é gratuíta e anónima e non precisa que se descargue ningunha información no teléfono ou tablet, xa que funciona coa app Google Maps, que adoitan levar instalada os dispositivos por defecto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here