O Concello de Viveiro instalou uns carteis na Ponte da Misericordia recomendando aos veciños e veciñas que camiñen pola beirarrúa da súa dereita, co fin de establecer unha orde de circulación peonil que permita utilizar cada unha das beirarrúas nun único sentido e, deste xeito, garantir o cumprimento da distancia social de seguridade.
Dende o Concello adoptouse esta medida tendo en conta a estreitez destas beirarrúas e que a Ponte da Misericordia é unha das zonas máis concorridas. No momento de establecer esta medida, o goberno municipal tamén estivo valorando outras zonas, como é o caso da ponte de Feve, que tamén é moi estreita, ou a ponte da Variante.
Finalmente, nestes puntos non se colocaron valos establecendo unha orde de circulación peonil tendo en conta que non había unha alternativa segura. Para aplicalo na ponte de Feve habería que cruzar no paso de cebra do paseo marítimo e, ao tratarse dunha distancia longa, había o risco de que a xente cruzase de forma indebida pola estrada, nunha rotonda bastante complicada; no caso da Variante, que tamén é estreita, tampouco había alternativa.
REINCORPORACIÓN DO PERSOAL MUNICIPAL
O Concello de Viveiro aprobou un Protocolo de reincorporación presencial aos postos de traballo do persoal municipal, co obxectivo de facelo de forma gradual e tendo en conta o escenario actual no que se están a producir pequenas flexibilizacións no confinamento e coa previsión do comezo da denominada desescalada.
O protocolo cumprirá en todo caso co disposto en cada momento polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade tanto dos empregados municipais como do conxunto de veciños e veciñas que acudan ás instalacións municipais. O concello puxo este protocolo a disposición dos sindicatos, antes da súa aprobación, para que puidesen manifestar as súas consideracións ao respecto.
Neste protocolo regúlanse, entre outras cuestións, como se realizará a reincorporación dos diferentes servizos, o procedemento a seguir nos casos de traballadores que pertenzan a grupos vulnerables ao COVID-19, as medidas de prevención a adoptar en relación coas instalacións e centros de traballo ou as avaliacións que se realizarán dos postos de traballo ao respecto dos riscos de contaxio, en outras medidas.
En virtude do seu contido, a partir do vindeiro luns incorporaranse aos seus postos de maneira presencial os traballadores dos servizos da brigada de obras e de vixiancia urbanística.
Os traballadores do servizo de parques e xardíns recuperarán tamén a súa xornada e tarefas habituais e os conserxes das instalacións municipais que permanecen pechadas acudirán presencialmente aos seus postos de traballo para a revisión periódica e realización do mantemento básico da súa competencia, co fin de que as instalacións se atopen en óptimo estado para o momento da súa reapertura.