IniciosociedadePSOE e Por Viveiro pactan uns orzamentos con medio millón en axudas...

PSOE e Por Viveiro pactan uns orzamentos con medio millón en axudas a pemes e autónomos

O plan inclúe sufragar con 400.000 euros as tres primeiras cotas dos obreiros por conta propia que reinicien a actividade tras ter que cesala; tamén bonificar integramente as taxas por terrazas

Publicada o

- Advertisement -

O goberno local socialista e a formación independente Por Viveiro anunciaron este domingo, nunha rolda de prensa telemática, o acordo para a aprobación duns “orzamentos de emerxencia” que destinarán medio millón de euros a axudas para aliviar a comercio e autónomos do municipio a crise socioeconómica que traerá a pandemia do coronavirus.

PRESUPOSTOS “DE URXENCIA”

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, e o voceiro de Por Viveiro, Bernardo Fraga, expuxeron as liñas do “plan de reactivación económica” acordado polas dúas formacións, que suman dez dos dezasete edís da corporación. A rexedora aseverou que agarda poder levar os orzamentos a pleno “no mes de maio”, aínda que por agora non se concretou máis información da proposta orzamentaria.

MEDIDAS “VIABLES XURÍDICA E ECONOMICAMENTE”

Loureiro afirmou que despois dunha reunión dos voceiros das forzas municipais coas asociacións de comerciantes para abordar tanto a situación xerada polo estado de alarma como a posterior, desde o Concello “comezáronse a estudar liñas de axudas posibles, estando abertas a propostas reais, viables xuridicamente e economicamente, que non conlevasen a bancarrota municipal”.

Neste sentido, proseguiu, “Por Viveiro presentou unha proposta de liña de axudas para aqueles autónomos e empresas que tiveron que cesar a súa actividade por mor do estado de alarma”. Estas medidas, precisa Loureiro, foron analizadas con Intervención e coa Secretaría Municipal, “e foronse pulindo en varias reunións ata chegar a concretar este plan. É un proxecto que é acorde coa situación económica do Concello”, remarcou.

Entre as medidas de apoio á pequena e mediana empresa (peme), cunha dotación total de 500.000 euros, a meirande parte do orzamento destinado –400.000 euros– será para aboar as tres primeiras cotas de autónomos -tendo como referencia a tarifa mínima de 283,31 euros- a aqueles que tiveran que cesar a súa actividade polo estado de alarma, unha vez retomen o traballo.

Crearanse unhas bases xustificativas para a obtención da axuda. Segundo a previsión do Concello, beneficiaríanse deste acordo uns 550 autónomos pertencentes a 16 epígrafes de actividades que tiveron que parar polo estado de alarma.

AXUDAS Á PROMOCIÓN E PLATAFORMAS DIXITAIS

Tamén se incrementará a partida de emerxencia social nunha contía de 30.000 euros. Outros 30.000 euros destinaranse a campañas de promoción dos negocios locais, así como para a dotación de plataformas de venta online: 15.000 serán para as asociacións de comerciantes (CCHV e Beiras de Viveiro) e outros 15.000 para as restantes empresas, non incluídas nas agrupacións.

A bonificación total da taxa por ocupación de vía pública de todas as terrazas de veladores do Concello de Viveiro, en solo municipal, ou o abono de axuda directa para o pago da taxa, no caso de existir, por parte de outras administracións públicas (Portos de Galicia, Costas do Estado) é outra das medidas acordadas, cunha dotación económica prevista de 40.000 euros.

A rexedora sostivo que se está “a buscar a fórmula, a través dunha subvención ou axuda”, para realizar este pago, xa que a lei non permite a exención deste imposto. No tocante á posibilidade de ampliar o espazo das terrazas para favorecer o comercio, indicou que “estase a estudar cos técnicos e habería que analizar caso por caso”, pero por agora non se concretou ningunha medida a este respecto.

FLEXIBILIDADE PARA O PAGO DO IBI

A anulación das taxas dos mercados, tanto da Praza Maior coma da Praza de Abastos e do Corte Inglés; o fraccionamento do cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) en tres pagos espaciados no tempo; a atención individualizada en materia fiscal en función da situación económica de cada contribuínte; e manter o servizo de impresión escolar para persoas en situación de vulnerabilidade durante o curso 2020-2021 son outras das medidas pactadas.

Finalmente, Concello e Por Viveiro acordaron “o suministro de medios de seguridade para a apertura dos locais, coa dotación de luvas, xeles e máscaras para os locais que, por imperativo legal, así o precisen”, e facer unha “campaña de incremento” do voluntario municipal, especialmente orientada a axudar ás persoas en situación de vulnerabilidade.

Loureiro asegura que a proposta “estudouse de forma exhaustiva, e cremos que esta é a forma máis doada de poder ofrecer as subvencións, porque hai casos nos que habería que modificar as ordenanzas para 2020 e non sería posible. Sabemos que van ser meses duros e os orzamentos van ser moi sociais, tamén os de 2021, que teremos que negociar en breve, no prazo duns meses”, afirmou.

FRAGA: “TODOS DEBEMOS SUMAR E O PLAN ADÁPTASE Á ECONOMÍA DO CONCELLO”

Pola súa banda, Fraga remarcou que a formación entende que “nunha situación de emerxencia, hai que tomar medidas de emerxencia. Nestes casos, non se pode facer outra cousa que non sexa deixar as cores a un lado e poñerse ao servizo de quen está gobernando nese momento para entre todos tentar sumar”, argumentou.

O voceiro de Por Viveiro fixo fincapé en que o plan acordado “adáptase á situación económica do Concello”. Neste sentido, asegurou que un dos puntos que xerou máis debate durante a negociación, nas últimas dúas semanas, foi “a cifra global, que houbo que ir pulindo”, e xulgou que “o executivo local pode chegar onde pode chegar”.

Respecto ao financiamento deste plan, Fraga indicou que “hai moitas actividades culturais e doutro tipo que non se van poder facer, de xeito que o Concello pode xuntar unha contía económica importante” para sufragalo, “estando abertos a que as Administracións podan ofrecer outras axudas que se poidan incorporar”.

No tocante á medida máis costosa, o pago da cota dos tres primeiros meses, Fraga considerou que se trata de facilitar que os autónomos poidan retomar a actividade “e non teñan que pechar” durante os próximos tres meses.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...