A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar en Contratos de Galicia a licitación da rehabilitación integral do CEIP Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo), por importe de 687.323,34 euros. Segundo anunciou a Xunta de Galicia nun comunicado, “está previsto executar os traballos de interior en verán e compatibilizar o remate dos de exterior coa actividade docente”. As obras teñen un prazo de execución de tres meses e son susceptibles de cofinanciamento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
As actuacións contemplan unha parte programada de xeito específico para a mellora da eficiencia enerxética do centro, “a través do illamento polo exterior mediante sistema SATE e do forxado baixo cuberta con paneis de lá de rocha de dez centímetros. Así mesmo mudaranse as fiestras actuais por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se substitúen as caixas de persianas, por un sistema “monoblock” con illamento incorporado e instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED, con detector de presencia en zonas comúns”, afirma a Xunta na nota.
A maiores, colocaranse falsos teitos nos locais que carecen del -salvo corredores e vestíbulos-, renovaranse os aseos de profesorado e alumnado da planta alta, repararanse e pintaranse os paramentos interiores, lacaranse as portas, pulirase o chan de terrazo e colocarase novo vinílico nas aulas da planta primeira, en substitución do existente.
Ademais, instalarase un ascensor para mellorar a accesibilidade do centro e ampliarase e renovarase o ximnasio, incluídos os servizos hixiénicos anexos.