IniciosociedadeTraballadores en situación vulnerable súmanse ás peticións de axuda aos servizos sociais...

Traballadores en situación vulnerable súmanse ás peticións de axuda aos servizos sociais da Mariña

Concellos das vilas documentan que se aumenta o número de familias en emerxencia social por mor do coronavirus, incorporándose persoas doutros perfís socioeconómicos

Publicada o

- Advertisement -

As consecuencias socioeconómicas da emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus seguen a evidenciarse co paso das semanas. A prolongación do estado de alarma e a paralización de parte da actividade económica a fin de conter a pandemia aumentou a demanda de axuda aos servizos sociais da Mariña Lucense. Os municipios das catro vilas máis poboadas, Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, coinciden en documentar un incremento das familias en situación de vulnerabilidade.

En Viveiro, segundo concretou a alcaldesa, María Loureiro, concreta que “agora mesmo estamos a atender arredor de 170 familias“, o que supón case o dobre que a principios do pasado mes de abril.

O ATRASO NO COBRO DOS ERTES PON FAMILIAS EN DIFICULTADES

O incremento débese, expón a rexedora, ao aumento do perfil das persoas que solicitan axuda. Se ao principio do estado de alarma predominaban as peticións veciños que complementaban pensións baixas co que gañan nos mercados, ou persoas que viven da economía submerxida ou informal, “agora nótase que acuden a nós traballadores, xente que quedou no paro ou entrou en Erte e que ou ben está a cobrar agora ou ben aínda non cobrou desde o 14 de marzo” o permiso retribuído aprobado polo Goberno central. Neste sentido, sostén que boa parte dos obreiros “veñen da hostalería, xente que non ten soldos altos e vive máis ou menos ao día”.

Tamén hai, sinala Loureiro, casos de “familias monoparentais que polo peche dos colexios teñen que coidar dos nenos e non poden traballar nesta situación”.

Ademais da existencia do banco de alimentos, o Concello facilita cheques de 100 ou 200 euros a aquelas familias con maior número de integrantes e en maiores dificultades. Tamén se está a mercar comida e produtos para bebés.

185 FAMILIAS RECIBEN CHEQUES EN RIBADEO

No caso de Ribadeo, a edil de servizos sociais, Mónica Freire, concreta que desde o pasado 30 de marzo o Concello está a subministrar semanalmente cheques de 50 euros para a compra de produtos frescos e de limpeza. Inicialmente, beneficiábanse desta medida 145 familias, que son hoxe 185, o que supón atender a 512 persoas. Antes do Covid-19, o Concello cuantificaba unhas 70 familias en situación de emerxencia social.

Ademais, o goberno ribadense comprou 17.114 quilos de alimentos non perecedoiros -cun gasto aproximado de 30.000 euros de fondos propios-, máis 6.700 facilitados pola Cruz Vermella e outros 4.500 do banco de alimentos.

Respecto á situación da xente que pide apoio ao Concello, Freire expón que “gran parte dos usuarios deste recurso é xente que vive da economía informal e non pode acudir a subsidios, pero si estamos a notar que hai máis familias e dun perfil que non había, principalmente traballadores, xente que tiñan unha fonte de ingresos que non lles requería solicitar axuda”.

A edil sinala unha característica, e é que moitas destas familias “teñen nenos; na maioría dos casos, os cheques concedidos son a núcleos familiares de tres ou máis individuos. Hai dependentes, pero representan unha porcentaxe menor”, matiza.

Ribadeo é, neste sentido, “unha vila con moita hostalería, moito autónomo, persoas que viven desas actividades e que levan un mes e medio parados”.

EN FOZ, O BANCO DE ALIMENTOS PASOU DE TER 17 A 84 FAMILIAS BENEFICIARIAS

O banco de alimentos do Concello de Foz atende actualmente a 84 familias con escasos recursos económicos. O número de beneficiarios deste servizo aumentou como consecuencia da situación ocasionada pola pandemia, desde as 17 rexistradas no inicio do estado de alarma.

“Debido á situación creada polo COVID-19, a perda de emprego, o peche da hostalería, comercios e mercados abocou a moitas familias á demanda do Banco de Alimentos, a maioría delas con bebés e nenos en idade escolar e en etapa de crecemento. É por isto polo que tratamos de dar máis cobertura nos alimentos, que xa se estaban a repartir, incidindo moito máis nos produtos frescos e con máis aporte nutricional, como as proteínas das carnes, do peixe e dos ovos , que se lles inclúen cada pouco no lote que se lles facilita”, explica a concelleira, Ana Rojo.

“Hai poucos días o Concello de Foz achegou en transporte para a comarca da Mariña 20.000 quilos de patacas e onte volveuse dispoñer dun transporte para traer 3 palés de plátanos para toda a Mancomunidade, e por descontado para Foz”, concretou Rojo, que agradece a colaboración de empresas, institucións e particulares.

“Estase a facer un esforzo importante e necesario desde o noso Concello, facilitando transporte para as achegas do banco de alimentos, como se fixo nos meses de febreiro, marzo e abril de oito, nove e dez toneladas de froitas e verduras procedentes de Valencia e Murcia para a comarca da Mariña, incluído Foz”, conclúe.

PREOCUPACIÓN EN BURELA POLAS PERSOAS QUE NON PIDEN AXUDA

En Burela, a concelleira de servizos sociais, Carmela López, expón que antes do coronavirus o Concello seguía a 55 familias, “e agora temos 32 a maiores detectadas desde o inicio do estado de alarma”. A situación que máis se repite “é a carencia de alimentos, que é o que piden”. O goberno municipal tamén subministra produtos para pícaros; doce destas familias teñen nenos menores de dous anos ou bebés: leite de continuación, pañais ou potitos.

López coincide en falar tamén dun novo perfil de demandantes, unha situación que lle preocupa especialmente non só polo aumento dos casos, senón tamén por aqueles que se poidan escapar ao radar das administracións.

“Está vindo a nós xente que non lle fixo falta nunca pedir aos servizos sociais que lles boten unha man, que non cobrou por agora os Ertes e co tempo que levan inactivos teñen problemas. Pero principalmente, Concello, Cáritas e Cruz Vermella, esas tres partes, estamos de acordo en que probablemente hai casos aos que non estamos chegando. Xente que cremos que por vergoña non quere explicarnos a situación”, lamenta.

Neste sentido, remarca que “máis de 20 casos detectámolos nós a través dunha rede municipal, do CIM, inmigración e servizos sociais; chamadas directas de petición, houbo menos”, salienta.

OS MIGRANTES, OS MÁIS VULNERABLES

Nun municipio no que se estima que conviven persoas de máis de 40 nacionalidades diferentes, a concelleira admite que “estamos vendo que a poboación inmigrante está máis desamparada. Parte destas persoas percibía a Risga e completaba con outras actividades e agora eses ingresos non entran”, precisa. As ocupacións máis habituais: a hostalería, a limpeza nos fogares, ou o coidado de persoas maiores ou nenos.

FUTURO INCERTO

López prevé que a situación “empeore” e agarda que as chamadas se incrementen “a partir de que se habiliten as axudas ao aluguer, estamos seguros de que nos contactará máis xente”.

Unha situación que, expón Freire, os Concellos deberán afrontar “coa axuda da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, que deben concretar as inxeccións económicas comprometidas, porque teñen competencias e porque os executivos locais estamos a asumir un enorme esforzo“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...