Dous pacientes ingresados por coronavirus no Hospital Público da Mariña deron negativo nas probas da doenza, malia que por agora seguen na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do centro hospitalario de Burela. O capitán do barco Notre Dame, que deu positivo, permanece en planta. Así o recolle o reconto oficial ofrecido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) no mediodía deste mércores.
Segundo a mesma estatística, documéntanse 166 casos activos na provincia de Lugo, 13 menos có pasado día 5. Deles, hai cinco na Uci do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Dous pacientes están en hospitalización, un na Mariña e outro no HULA.
Detectáronse 159 casos en domicilio, dez menos ca onte. Un total de 26 persoas faleceron na provincia a causa da pandemia, cinco delas na Mariña. Déronse 691 altas.
Cabe salientar que o Sergas non contabiliza neste cómputo aquelas persoas ingresadas por síntomas compatibles co coronavirus que non teñan positivo documentado por proba.
Case dous meses despois, o Sergas cambiou os criterios de comunicación dos datos oficiais sobre a pandemia, incorporando o mesmo día e sen orde cronolóxica todas as altas epidemiolóxicas, aquelas que se produciron en domicilio ao contar con PCR negativa ou co tempo suficiente de illamento para considerar «clinicamente» superada a doenza. De aí a caída dos casos documentados, de 675 o pasado martes, a 166.
582 MORTES EN GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.808, deles 658 son da área da Coruña, 166 da de Lugo, 462 da de Ourense, 160 da de Pontevedra, 781 da área de Vigo, 455 da de Santiago e 126 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 30 permanecen en UCI, 206 están en unidades de hospitalización e 2.572 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 6.802 persoas curadas, rexistrándose 582 falecementos.
RESIDENCIAS
Nas residencias da Mariña Lucense documéntanse oito casos, segundo o reconto da Xunta. Son os seguintes:
USUARIOS
1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)
1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)
TRABALLADORES
2 Residencia Maiores Burela
1 Residencia Cervo