IniciosociedadeViveiro retoma o xoves o mercado con dous postos; Ribadeo ve a...

Viveiro retoma o xoves o mercado con dous postos; Ribadeo ve a cita dos mércores “inviable” coma antes

Os gobernos locais tentan adaptar a venta semanal nas prazas á normativa de seguridade para conter o coronavirus

Publicada o

- Advertisement -

Os gobernos locais da Mariña Lucense tentan adaptar os mercados ás normas de seguridade a fin de conter o coronavirus. O Concello de Viveiro anunciou a través dun comunicado que mañá, xoves 7 de maio, volverá celebrarse “con determinadas limitacións” a cita semanal da Praza Maior. Só dous postos poderán participar, en función dos requisitos que pide a lei. En Ribadeo, o executivo municipal ve o encontro dos mércores “inviable” segundo a normativa.

O pasado 4 de maio, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia acordou levantar a partir desa data a prohibición relativa á realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros, establecendo unha serie de requisitos.

En virtude desta resolución e atendendo ás limitacións impostas, a partir de mañá permítese a celebración do mercado semanal da Praza Maior viveirense, no que poderán instalarse “única e exclusivamente aqueles postos de  persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (SEVEDI) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), dedicados á venda directa de produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros”, salienta o goberno local.

Ademais, continúa o Concello, “hai que garantir a limitación de aforo máxima do 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual. Atendendo ás limitacións impostas con respecto ao tipo de venda autorizada e segundo os postos que viñan instalándose no mercado semanal de Viveiro, na súa reanudación poderán instalarse unicamente dous dos postos habituais, por ser os únicos inscritos na sección de venda directa do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia”, concreta o goberno local.

NORMAS

Segundo concreta o Concello, os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de seis metros. Permítese unha separación mínima de catro metros entre os laterais, evitando que os postos de venda se atopen de fronte uns a outros.

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de dous metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física.

Finalmente, ecoméndase aos responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venta. Recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

A distancia mínima entre cada persoa usuaria do mercado será de dous metros coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal.

Durante a celebración do mercado, a Policía Local velará polo cumprimento destas e das demais limitacións establecidas, referidas a disposición dos postos ou á recollida dos refugallos xerados.

SUÁREZ BARCIA VE “CONTRADICIÓNS” ENTRE OS REQUISITOS QUE PIDEN ESTADO E XUNTA

En Ribadeo, o alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliña que “o mercado dos mércores tal e como se viña celebrando non vai ser viable, debido ás distancias que haberá que establecer entre os diferentes postos e ás medidas que terán que adoptarse para garantir a seguridade dos clientes”.

O rexedor ve “moitas contradicións” entre as normativas ditadas polo Estado e pola Xunta a este respecto, que o Concello está “a consultar e a estudar cos técnicos municipais. Se é posible este mercado volvería o vindeiro mércores, 13 de maio, pero se non fose recomendable demoraríase un pouco máis”, sinala.

O alcalde ribadense subliñou que “hai que ter en conta que o mercado de Ribadeo ten practicamente cen postos, tanto de agroalimentarios, de produtores, como de roupa e outro tipo de artigos. Polo tanto estamos estudando unha maneira segura, hai que dar un período de adaptación, sabendo que o mercado tal e como o coñecemos ata agora non vai poder ser viable”, remarca.

Suárez Barcia finalizou que “sabemos que é unha vía de ingresos de moita xente, pero temos que primeiramente salvagardar a seguridade pública de tanto esforzo que nos está custando a toda a sociedade toda esta situación, non podemos tiralo todo pola borda, por facer as cousas mal en dous días”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...