IniciosociedadeA hostalería, ante a apertura do luns: "temos dúbidas de abrir, porque...

A hostalería, ante a apertura do luns: “temos dúbidas de abrir, porque tememos non sobrevivir”

Malia a próxima apertura de terrazas, bares e restaurantes sopesan a situación ante a incerteza sobre as condicións, a necesidade das reformas ou a rentabilidade dos negocios

Publicada o

- Advertisement -

O coronavirus sentou a hostalería no diván. Bares e restaurantes da Mariña Lucense prepáranse para afrontar a tempada máis incerta de todas as vividas pola práctica totalidade dos empresarios do sector. As dúbidas sobre as condicións nas que poderán abrir -apenas uns días antes de que se pase, o vindeiro luns, á seguinte fase do plan de desescalada do Goberno central-, sobre a necesidade ou non de reformas para adaptarse ás normativas de seguridade ou acerca da rentabilidade dos propios negocios preocupan aos hostaleiros.

Na Asociación de Hostalería de Barreiros, con 15 negocios integrados, resumen o sentir da maioría ao expoñer as dúbidas sobre a posta en marcha. “O Instituto de Calidade Turística está a traballar nun protocolo de seguridade, pero vai estar rematado máis ou menos no momento de apertura dos establecementos, polo que se vai solapar e imos ter pouco tempo de coñecer as medidas e adaptarnos”, indica Tamara Rubiños, da directiva.

LÍMITES DE AFORO

No ámbito da restauración, desde o luns está permitida a apertura de terrazas cun 50% do aforo, un recorte que para moitos negocios supón reducir ás posibilidades de supervivencia. Diante disto, “temos dúbidas de que, aínda que se poida abrir, vaiamos abrir, porque temes que non poidas sobrevivir. Estamos máis nunha situación de esperar”, expón.

“Hai quen prefire manter os Ertes, porque aínda tendo perdas non lle sae rentable abrir. Non podemos vivir co 50% da facturación, porque tes que asumir que veñen aparelladas unha serie de medidas que van conlevar gastos: vas necesitar máis horas de limpeza, máis produtos, máis elementos desbotables… E a situación económica non está tan ben como para asumir todo iso”, remarca a hostaleira.

“HAI UNHA INCERTEZA SOBRE SE PAGA A PENA”

Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), a presidenta, Dolores Pérez, coincide en que “hai xente que efectivamente está a facer os seus números para ver ata que punto poden cumprir con todas as medidas que o Goberno está sinalando. Hai unha incerteza xeral sobre como abrir, que medidas tomar, se merece a pena”, indica. A empresaria admite o “descontento” do sector coas medidas propostas para bares e restaurantes.

“NON PODEMOS VIVIR CO 50% DA FACTURACIÓN”

“Non vemos razóns para eses límites de aforo, tal e como está a situación sanitaria, dado que se está comezando a conter o coronavirus e o Hospital da Mariña non está nin moito menos colapsado. Ao 50%, que empresa funciona e gaña para gastos?”, pregúntase José Carlos Paleo, da Federación Comercio A Mariña (FCAM), que engloba uns 1.000 negocios dos cales “o 30%” son establecementos hostaleiros. O presidente do colectivo de comerciantes mariñao agarda que se rectifiquen as propostas.

“ABRIREMOS O LUNS, COA ESPERANZA DE QUE HAXA BO TEMPO”

Casa Miranda, restaurante situado no porto de Burela, abrirá o vindeiro luns. Nestes días tentou manter como puido o negocio cun servizo de comida a domicilio. “Abriremos a terraza coa esperanza de que haxa bo tempo para poder traballar, porque hai que ter en conta que esa é outra cuestión, e se non o hai teremos que fastidiarnos”, indica o propietario, Xosé Miranda.

Mentres responde ás preguntas por teléfono segue traballando no axeitamento do local. “Estamos limpando as zonas que van ser máis de cara ao público, deixando todo preparado”, remarca.

O dono sinala que “por agora non recibín” a compensación do Erte, mentres que “o banco e os provedores seguen chamando para cobrar. A situación dos autónomos deste país non é xusta, somos os desherdados, dalgún xeito”.

Miranda agarda que se modifique a normativa de xeito que non faga fincapé nun aforo senón na distancia interpersoal. “Se debo reducir de dez a cinco mesas é imposible sobrevivir, non se van poder manter uns mínimos”, salienta.

PREOCUPACIÓN POR TER QUE ACOMETER REFORMAS

A posibilidade de ter que acometer reformas -redución de aforos, posta de mamparas, controis de temperatura- supón un quebradeiro de cabeza. “Abrir con todas esas medidas supón un gasto enorme sin sequera comezar, despois de levar dous meses sen facturar un peso. É un problema engadido”, remarca Pérez.

Rubiños compara a situación coa da lei antitabaco, cando moitos negocios fixeron rehabilitacións por contías elevadas que finalmente non foron necesarias. Pon o exemplo das problemáticas que se poden dar nos hoteis: “quizais non podes ter un buffette como tiñas antes, igual a xente non quere xente en recepción e prefire un check in e un check out telemático… Está todo por ver e falta ese período de adaptación necesario”, lamenta, para engadir que “é certo que non sabemos cal é a alternativa”.

Ningún dos negocios -nin grandes nin pequenos- escapa ás consecuencias do coronavirus. Se os máis pequenos, familiares, tiveron problemas coa paralización da actividade, ao non entrar ningún salario na casa, os meirandes rabuñan a cabeza polo que vai pasar co persoal, con planificacións realizadas para o segundo semestre do ano que agora son papel mollado. Algúns perderon, ademais, recursos de facturación estacionais de importancia, como as vodas e as comuñóns. Pero estes dous meses de parón non van marcar tanto a diferenza para a supervivencia ou a caída das empresas como o poscoronavirus.

Á ESPERA DE QUE O VERÁN POIDA ALIVIAR A SITUACIÓN

“Estamos na parte principal para prepararnos para o verán, que é o colchón máis importante do ano, con todo paralizado. Os resultados vanse dar a partir deste mes”, resaltan desde a FCAM.

Paleo cre que “a xente vai tentar salvar o verán o mellor posible, e a xente tomará as decisións de cara ao longo inverno que vén”.

Preguntado por como ve o porvir do seu restaurante, Miranda asegura que “do futuro non sei que dicir, nin idea. Teño que ir paso a paso, máis para diante non penso. Hai reservas feitas para agosto, de empresas, pero só che poido falar do presente, porque o que vén é totalmente impreciso”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...