O comité de Alcoa San Cibrao emitiu este venres un comunicado e tamén difundiu un vídeo no que convida aos seus traballadores a consumir no comercio local da Mariña Lucense.
Os sindicatos lembran que na campaña iniciada para acadar unha rebaixa do prezo da enerxía eléctrica, sen a que a multinacional ameaza con pechar a planta de aluminio, a Federación de Comercio A Mariña (FCAM) fixo “un gran esforzo e apoio” das reivindicacións do persoal. Deste xeito, o organismo de representación dos obreiros convida a os compañeiros a que “merquen no comercio local”.
A petición dos traballadores coincide coa aprobación da fase 1 da desescalada na provincia de Lugo, na que, a falta de confirmación oficial no Boletín Oficial do Estado (BOE), o comercio poderá abrir, en principio, sen cita previa aínda que con limitacións de aforo, e nas que as terrazas poderán traballarse ao 50% de ocupación.
Tamén coincide cunha mensaxe de apoio que a FCAM lanza aos locais que estes días abriron as súas portas con cita previa e aos que retomarán a súa actividade a partires do vindeiro luns, 11 de maio.
‘Volvemos para ti, grazas a ti‘ é o slogan do cartel no que se ve un treito de asfalto gris do que sae unha planta verde.
O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, anima á xente “a que aposte, agora máis que nunca, polos negocios locais. Acabamos de estar dous meses pechados e precisamos moito da nosa fiel clientela”, asegura.

“É o momento de que rememos todos xuntos na mesma dirección, na de apoiar ao comercio, á hostalería e ao sector servizos. Os pobos non teñen vida sen as tendas, sen os bares, sen os restaurantes… Temos que ser moi conscientes de todo isto e teremos que acostumarnos a volver pouco a pouco á normalidade que van ditando as diferentes fases da desescalada na que nos atopamos”, remarca.
Paleo subliña que “os negocios dos nosos pobos intensifican o traballo estes días para poñerse a punto para a apertura do luns. Todos estarán preparados para ofrecer os seus produtos extremando as medidas de seguridade e de hixiene. O cliente debe ter confianza no comercio local e facer caso das recomendacións e indicacións que atopará nos locais. Hai unhas distancias sociais que temos que manter, haberá limitacións de aforo e produtos de desinfección para que todo funcione da mellor maneira posible desde o primeiro momento”.
O presidente da Federación de Comercio A Mariña salienta que “queremos darlles as grazas aos nosos veciños por agardarnos estes meses e pola solidariedade que nos fixeron chegar por diversas canles”.