IniciosociedadePoucas terrazas abertas pero mesas completas durante a primeira xornada de reapertura

Poucas terrazas abertas pero mesas completas durante a primeira xornada de reapertura

En Ribadeo só abriron dous locais de hostalería, pero o bo tempo animou a consumir no Cantón; tendas de roupa e xogueterías tamén se beneficiaron do maior movemento nas rúas

Publicada o

- Advertisement -

O primeiro día de fase 1 do plan de desescalada trouxo a vida de novo ás rúas da Mariña Lucense. Malia que foron poucos os comercios de hostalería que abriron na xornada do luns, quenes o fixeron non daban abasto para atender aos clientes. Negocios doutros sectores tamén acreditan que, en xeral, os mariñaos tiñan ganas de socializar despois de dous meses de confinamento. Iso si, con todas as precaucións posibles, posto que o coronavirus segue entre nós.

Coas reservas de moitos empresarios sobre como e cando abrir, ante o temor pola falta dunha normativa concreta e as dúbidas sobre a rentabilidade, só dous negocios de hostalería retomaron o traballo na vila de Ribadeo. Un deles foi O Cantón, céntrico e baixo a influencia da Torre dos Moreno. Nun pequeno paréntese nunha xornada de “moita actividade”, o fillo do propietario, Ramón Enríquez, indicou que a terraza do establecemento -habilitada nesta ocasión coa metade das mesas, dez, con catro persoas por cada unha delas- estivo “chea desde a primeira hora da mañá ata a última da tarde, o que non soe pasar nestas datas”.

Entre os clientes que se achegaron ao establecemento, precisou, “hai xente de todas as idades, pero especialmente nova“. Algúns clientes viñeron “algo desinformados, preguntando se se podía utilizar o baño, por exemplo, pero en xeral respectando as quendas. Non houbo colas pero si que houbo algún grupo que esperou a que se levantase alguén da mesa”, relata.

AS MEDIDAS DE SEGURIDADE, UN TRABALLO “ESGOTADOR”

Enríquez fai fincapé na “paciencia” dos clientes porque o feito de ter que garantir a máxima hixiene posible en ocasións “duplica” o traballo. “Tiñamos medo de tardar demasiado. Imos con máscaras, constantemente usando xeles, desinfectando as mesas, limpamos os baños cada tres horas… A verdade é que é esgotador, fas máis carga de traballo ademais de que tes que adaptarte a unha rutina nova”, remarca.

O BO TEMPO AXUDOU

Con todo, a presenza da xente “é algo moi positivo” e que “dá animos” ao negocio, expón Enríquez, que con todo admite que “en Ribadeo só abriron dous locais de hostalería e isto pode ser o boom do primeiro día. É unha situación atípica, que favoreceu o bo tempo, e veremos mañá se dura, será un novo exame”, conclúe.

Enríquez concreta que a empresa recuperou aos dous empregados fixos do Erte, coa intención de “se a cousa vai ben, contratar máis persoal en verán, como se fixo sempre”.

En Burela, terrazas como as do Contraste presentaban un bo aspecto ao longo de toda a xornada. “Veu moita xente e non damos abasto”, admitía o propietario, Rubén Pinín, ao mediodía, atendendo ás mesas xunto cunha empregada.

“A XENTE VÉN ANIMADA E ISO DÁCHE ESPERANZA”

En Burela, a tenda de roupa e complementos Nora Moda tamén notou na súa reestrea despois do estado de alarma “o maior ambiente nas rúas”, segundo indica o titular do establecemento, Miguel Flórez.

“A xente estaba moi concienciada, coas máscaras e as luvas, e a verdade é que se vendeu bastante ben, mellor do que pensaba”, sinala o propietario.

“A xente está animada e iso dáche unha esperanza de que a cousa pode ir un pouquiño mellor”. Mercáronse, sobre todo, “complementos, como bisutería ou bolsos, por exemplo, e principalmente para regalo”.

Para este negocio burelao será fundamental que se normalice na medida do posible, e aínda que sexa con menores aforos, a celebración de eventos, trala cancelación de vodas e comuñóns, pois boa parte dos ingresos veñen da venda de vestidos e de roupa para este tipo de ocasións.

AS TENDAS DE ROUPA PARA EVENTOS, PENDENTES DE VODAS E COMUÑÓNS

“Estamos moi pendentes disto. Había moitas vendas feitas para abril e maio, estamos a ver se estas persoas veñen recoller o que teñen e tamén esperando datas novas. O noso sector depende moito da hostalería, estamos un pouquiño limitados, pero con esperanza, de que isto vaia con normalidade”, remarca.

Flórez tamén admite que é necesario moito tempo para desinfectar “tiradores das portas, mostradores, a roupa con vapor…”, pero subliña que “aos clientes tardáballes vernos e a nós ocórrenos o mesmo. Todos temos confianza e faltaba iso, falar coa xente. Nas vilas somos unha familia, todos nos coñecemos”, conclúe.

“OS NENOS QUEREN CALQUERA XOGUETE NOVO”

Na Xoguetería Din & Don e Librería Bahía, ambos negocios ubicados en Foz e pertencentes aos mesmos propietarios, Cielo Fernández e Miguel Menacho, tamén se notou un incremento dos clientes con respecto á semana anterior, na que se vendeu con cita previa.

“Houbo movemento, non chega ao que sería o normal nestas datas, pero a verdade é que era menos optimista”, expón Menacho. No tocante ás compras, na xoguetería os pícaros volveron desfrutar da ilusión que, de cando en vez, dá un xoguete novo. “Os catálogos están un pouco parados, así como as campañas publicitarias, así que os pequenos queren calquera cousa, non veñen cunha petición en concreto”, precisa.

“A xente veu a pouquiños, non houbo aglomeracións nin houbo agardas por exceso de aforo”, abunda.

Menacho coincide no cansazo que supón para os vendedores atender ás necesarias medidas de seguridade. “Hai que desinfectarse ao entrar, poñer xel para tocar algo, a mascariña… Nós imos limpando a cada pouco as superficies e cousas que se van tocando. É complicado porque son moitas cousas que tes que facer previas para unha soa venta“, resume.

Con todo, exemplifica nunha frase a realidade da que todo o mundo é consciente. “É un proceso ao que todos imos ter que adaptarnos, porque parece que vai ser para longo”. Un cambio respecto do que, con todo, a sociedade da Mariña Lucense deu este luns un primeiro e pequeno paso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...