- Advertisement -
Un dos pacientes que permanecían na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do Hospital Público da Mariña tras ingresar por coronavirus faleceu no centro hospitalario de Burela, segundo confirmaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Este varón dera negativo no test do virus tras semanas ingresado.
Outro paciente da unidade de críticos da Mariña que estaba na mesma situación, ingresado na Uci por mor da pandemia pero xa con test negativo, foi subido a planta, segundo as mesmas fontes.
124 CASOS ACTIVOS NA PROVINCIA
No tocante aos casos activos na provincia, o número segue a reducirse, segundo a estatística oficial. O Sergas contabiliza 124 casos, nove menos ca onte e 37 menos có pasado luns.
No Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) permanecen catro persoas na Uci e unha en planta. Monforte e Burela non teñen nestes momentos pacientes ingresados por COVID 19.
En domicilio detéctanse 119 casos, nove menos có pasado día 12 de abril. No histórico, 27 persoas morreron a causa da pandemia, cinco na Mariña Lucense, ademais do varón falecido hoxe, que o Sergas non computa na estatística ao estar considerado negativo. Déronse un total de 757 altas.
CASE 600 FALECEMENTOS EN GALICIA
A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.179 deles 532 son da área da Coruña, 124 da de Lugo, 333 da de Ourense, 110 da de Pontevedra, 565 da área de Vigo, 436 da de Santiago, e 79 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 22 permanecen en Uci, 144 están en unidades de hospitalización e 2.013 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 7.996 persoas curadas, rexistrándose 597 falecementos. O número de PCR realizadas é de 118.665.
RESIDENCIAS
No tocante ás residencias da Mariña Lucense, tres maiores do xeriátrico de Cervo recibiron a alta despois de dar negativo nas probas, como xa adiantara a dirección do centro. Deste xeito, o cómputo oficial da Xunta contabiliza dous positivos.
USUARIOS
1 Vivenda Vilaoudriz (A Pontenova)
1 Res. Mirador del Eo (Ribadeo)