IniciosociedadeFoz suspende as festas e eventos multitudinarios ata o mes de outubro...

Foz suspende as festas e eventos multitudinarios ata o mes de outubro en todo o municipio

O goberno local remarca que non se pode limitar aforo nin garantir as distancias nunha verbena e lembra que o municipio "triplica a súa poboación en verán"; "toca reiventarse", afirma

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz anunciou a suspensión das festas e eventos multitudinarios en todo o municipio ata o mes de outubro, pero “reforzará a programación cultural na vila e nas parroquias con numerosos actos e novidades como cine ao aire libre“, explica o goberno local nun comunicado.

“Estamos nunha situación completamente excepcional, de privación da liberdade individual para garantir a saúde pública do conxunto da poboación”, explica o alcalde de Foz, Fran Cajoto, que especifica que o Concello de Foz toma esta decisión “por unha tripla motivación”.

“Primeiro, por responsabilidade; non é posible limitar o aforo dunha verbena nin manter o distanciamento físico que esixen os protocolos sanitarios do virus Covid-19“, expón Cajoto.

O CONCELLO RECLAMA Á XUNTA “INFORMACIÓN” E “APOIO”

“Tamén por seriedade: o Concello de Foz habitualmente triplica a súa poboación en verán. Desde o goberno municipal estamos adoptando de forma seria todas as medidas que están na nosa man para conciliar o motor económico que supón o turismo, pero sempre priorizando a saúde pública.  Dende o inicio da crise sanitaria o Concello é descoñecedor dos datos da incidencia real no municipio do Covid-19. A Xunta de Galicia, administración que obtén eses datos gracias ao sistema sanitario da comunidade, non envía esta información, negando a posibilidade de estudiar as medidas a levar a cabo coa base real da incidencia coñecida”, lamenta o rexedor.

“Terceiro, por seguridade: as garantías sanitarias nun evento de aforo libre non son posibles ante a ausencia dunha vacina. O Concello traslada isto tamén ás distintas comisións de festas, que fan un traballo excepcional. Esiximos o apoio da Xunta: a nosa asistencia sanitaria, xa de por si insuficiente ao longo do ano -centro de saúde con pouco persoal, Hospital da Costa ampliado en metros pero non en profesionais…- vese superada en verán, cunha afluencia de visitantes que non se suple co único reforzo de un profesional no centro de saúde”, remarca.

“TOCA REIVENTARSE”, ASEGURA CAJOTO

O rexedor municipal focense engade que “toca reinventarse. É preciso ser responsable, tanto por parte da administración coma do cidadán. E niso debemos ir todos xuntos. É por isto que se deben repensar as formas de ocio que coñeciamos, as aglomeracións deben evitarse e as distancias respectarse, e temos que facelo intentando simplificalo para todos”.

O CINEMA AO AIRE LIBRE, A NOVIDADE DA PROGRAMACIÓN

O concelleiro de Cultura de Foz, Héctor Moris, indicou que a programación cultural do municipio celebrarase tanto ao casco urbano como nas parroquias do municipio:

– Cine ao aire libre, cunha carteleira variada e actual, que se proxectará no núcleo e no rural do noso concello.

Ciclo de teatro coa actuación dos grandes actores da zona.

Festival Bal y Gay de música clásica.

Sons na Rúa, sempre que as medidas de seguridade sanitaria o permitan.

– Actuacións da Banda de Música Municipal.

Pequenas actuacións musicais simultáneas de ambientación das nosas rúas.

Héctor Moris engade que “o fundamento desta programación, que se poderá ampliar ou ver modificada, é poder desfrutar dunhas actividades de calidade cun aforo controlado, en actuacións onde o público estea sentado e se poda garantir o distanciamento físico”.

CORTES DE TRÁFICO EN VERÁN

Para rematar Fran Cajoto destaca que “estas medidas compleméntanse con cortes parciais de tráfico durante os meses de verán, de forma que se eviten concentracións e se facilite a recuperación económica. É momento de ser responsable e valente nas decisións e en levalas a cabo. Isto superarémolo xuntos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...