Concellos costeiros da Mariña Lucense ven “inaplicable” o sistema de control de uso das praias con cita previa, que a Xunta de Galicia pretende trasladar das Catedrais ao resto dos areais da xeografía galega.
Previamente á reunión que manterá coa Federación Galega de Municipios (Fegamp), a Xunta advertiu este martes a través dun comunicado en que “a implementación desta medida será de carácter voluntario e flexible“, dado que, remarca, “a xestión das praias corresponde aos Concellos”.
O Goberno autonómico anunciara a elaboración dunha ferramenta para acceder aos areais cun código QR, previa solicitude e autorización vía internet, que pretendía aplicar “a todo o territorio galego”. Este sistema funciona no areal ribadense de Augas Santas, a fin de evitar aglomeracións que poidan danar o monumento natural.
EN FOZ FARÍAN FALTA “50 VIXILANTES”, CALCULA O ALCALDE
O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, considera que a proposta “non é executable”. Así, expón sobre a realidade do municipio focego que “temos nove areais que en realidade son once, con máis de 20 accesos en total, ou praias como a da Pampillosa que teñen unha fachada de area de 300 metros; para controlar iso farían falta unhas 50 persoas, considerando unha dobre quenda”, explica.
Cajoto lamenta que a Xunta “fai propostas sen falar con nós” e lamenta a crecente responsabilidade que asumen os Concellos “cando a competencia en sanidade é da Comunidade Autónoma. Pedimos axilidade para tramitar as axudas para a contratación de socorristas, un reforzo dos centros de saúde. Esa é a axuda que necesitamos para evitar un brote epidémico“, sostén.
O alcalde socialista alerta tamén da posibilidade de que o mencionado sistema alimente a picaresca. “Pode haber quen, por ter acceso libre á praia sen solicitude, vaia fóra dos horarios dos socorristas, producíndose aglomeracións, co correspondente risco de afogamentos”, remarca.
O rexedor focego cre que a prevención dos contaxios pasa por aplicar medidas, pero tamén por “formar na responsabilidade individual de cada un para gardar as distancias”. Unha reflexión que comparte a nacionalista Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros. “A nova normalidade non pode ser ter un axente das forzas de seguridade enriba a cada cousa que facemos. Ás persoas adultas hai que tratalas como tal”, subliña.
PARA ERMIDA (BARREIROS), É “UNHA OCORRENCIA”
Ermida considera a proposta do Goberno galego “unha ocorrencia pouco aplicable”, posto que “no caso de Barreiros sería inasumible o control dos accesos; requeriría un investimento en persoal e medios que os Concellos non podemos asumir, e a Xunta tampouco nolo garantiu”, argumenta.
“En Barreiros cada praia ten varios accesos, o que conlevaría contar con moitísimo persoal”, apunta a alcaldesa, que fai fincapé na variabilidade dos aforos en función de factores como a marea. “Se está baixa, o noso litoral é case un areal liñal, con seis ou sete quilómetros. En agosto, coas mareas vivas, o mar non ocupa o mesmo espazo que en xullo. Imos ter que controlar tamén o interior?”, pregunta.
INSTAN Á XUNTA A ASEGURAR OS SOCORRISTAS SUFICIENTES
A rexedora barreirense enmarca esta proposta nun contexto no que “os gobernos locais estamos a afrontar todo isto cos mesmos recursos que tiñamos, sacando os cartos doutras partidas. Sobrecargóusenos de servizos sen medios humanos nin materiais”, lamenta.
Nese sentido, censura que a Xunta fale de controlar aforo “cando a día de hoxe aínda non sabemos con que medios imos contar no tocante aos socorristas. Nós precisamos uns 20 e o ano pasado concedéusenos unha axuda para contratar a oito“, lembra. “Tampouco tivemos acceso por agora a programas de emprego para realizar desbroces. Contamos cos mesmos medios que en inverno”, engade.
POSIBLE CONFLITIVIDADE SOCIAL
Ermida e Cajoto coinciden en sinalar outras problemáticas que pode suscitar o control do acceso aos areais. En primeiro lugar, as dificultades de moita xente maior para realizar as solicitudes por internet. “Pódese abrir unha fenda social importante, porque non todo o mundo se manexa coas novas tecnoloxías“, indica a rexedora barreirense.
Ermida alerta sobre “posible conflitividade” no tocante aos dereitos de uso dos areais. “Podería darse o caso de que veciños do municipio que viven a uns centos de metros non poidesen acceder ás praias, pero tamén que persoas que fan quilómetros para vir a Barreiros quedasen sen usalas. A nosa costa é a de moita xente de Mondoñedo, de Lourenzá, non só de xente doutras partes do Estado. Nós, por suposto, queremos que veñan e que se xenere riqueza no concello”, admite.
O ALCALDE DO VICEDO INSTA A DAR “GARANTÍAS” DO USO AOS VISITANTES
Pola súa banda, o popular Suso Novo, alcalde do Vicedo, lembra que “non se trata dunha normativa, senón dunha aplicación de axuda para controlar os accesos”, polo que prefire “non opinar” sobre a mesma “ata poder comprobar do que se trata”.
O rexedor considera que “temos que facer algo” porque “non tería xeito” que persoas se desprazasen centos de quilómetros, nalgúns casos, para desfrutar das praias do Vicedo “e non poideran facelo. Hai que darlle unha certa seguridade a esas persoas”, concreta.
“Todo o que sexa axuda ímola necesitar”, confesa Novo, que sinala que praias como a de Xilloi “teñen acceso por onde ti queiras”. Para as praias máis pequenas, cun par de accesos, cre que “podería pecharse un e habilitarse outro“.
O que lle xera máis dúbidas é a capacidade para contratar o persoal necesario para vixilar os accesos. “Temos poucos medios, pero tennos pasado que tendo recursos e querendo incorporar xente nin a hai”, sostén. O municipio quedou sen socorristas o pasado verán, o que provocou que non poidese izar as bandeiras azuis.
PREOCUPACIÓN POR FUCIÑO DO PORCO
No Vicedo preocupa un lugar de tanto tirón turístico como é o Fuciño do Porco, un pasadizo estreito entre a costa salvaxe vicedense. “Estamos estudando que medida imos tomar, se permitir o acceso restrinxido en grupos, porque o espazo é pequeno e poden darse aglomeracións”, indica.