O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo caeu por debaixo dos 70, segundo o reconto oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas). A estatística ofrecida no mediodía deste mércores recolle 69 positivos, tres menos ca onte. O Hospital Público da Mariña cumpre unha semana sen pacientes a causa da pandemia, desde o pasado día 13, cando faleceu un home que ingresara por coronavirus na Unidade de Coidados Intensivos (Uci), aínda que durante o seu período no centro hospitalario de Burela superou o virus.

Dos 69 casos activos que computa o Sergas, hai tres casos na Uci, igual có pasado martes; todos eles ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Outro paciente permanece en planta, no mesmo centro. O resto, 65 persoas, fican illadas en domicilio.

No reconto histórico da pandemia contabilízanse 27 falecementos. Na Mariña houbo cinco vítimas mortais, segundo o Sergas, ademais do varón anteriormente mencionado, que deu negativo na proba antes do seu pasamento. Déronse 837 altas.

1.063 INFECTADOS EN GALICIA

A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 1.063, deles 285 son da área da Coruña, 69 da de Lugo, 171 da de Ourense, 51 da de Pontevedra, 290 da área de Vigo, 168 da de Santiago e 29 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 16 permanecen en Uci, 79 están en unidades de hospitalización e 968 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.411 persoas curadas, rexistrándose 607 falecementos. O número de PCR realizadas é de 128.856.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, o único positivo documentado é o dun usuario da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo.