A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 990, deles 252 son da área da Coruña, 63 da de Lugo, 160 da de Ourense, 50 da de Pontevedra, 273 da área de Vigo, 161 da de Santiago, e 31 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 13 permanecen en Uci, 72 están en unidades de hospitalización e 905 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.505 persoas curadas, rexistrándose 608 falecementos. O número de PCR realizadas é de 130.424.
RESIDENCIAS
No tocante ás residencias da Mariña Lucense, o Sergas contabiliza un único positivo, o dun maior da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo. Segundo confirmou a propia dirección do centro, o usuario está illado e asintomático desde hai días, e someterase este mesmo xoves ao test.