Un equipo de matemáticos galegos das Universidades de Santiago de Compostela e Toulouse lanzou un sitio web cun novo modelo probabilístico para estimar a propagación real da Covid-19 en España e en cada unha das súas autonomías, ademais de noutros 12 países e a cidade de Nova York (a máis golpeada polo coronavirus en Estados Unidos, o país máis afectado pola pandemia). Mediante gráficos interactivos, mostran a evolución da epidemia e as predicións futuras por porcentaxe de poboación infectada, número de falecidos e número de mortes totais.
Segundo o modelo matemático aplicado por estes investigadores, a día 22 de maio o 1,98% da poboación en Galicia estaría contaxiada; traducido en cifras totais, algo máis de 53.000 persoas, case seis veces máis que as 9.077 infectadas informadas oficialmente até esta data. O modelo predí que o 1 de xuño os contaxiados serían o 1,995%, preto de 54.000 infectados, unha cifra máis similar á das estimacións do Goberno central.