O Concello de Foz anunciou que desde este martes, o mercado semanal contará “con todos os postos” que participaban no encontro con anterioridade á emerxencia sanitaria do coronavirus, incluíndo negocios de venda de téxtil ou calzado. A normativa non permitía ata agora máis que a oferta de produtos agroalimentarios.
O alcalde focego, o socialista Fran Cajoto, lembra á veciñanza que “non se pode tocar ou manipular a propia roupa”, e que son os vendedores ambulantes, “vestidos cos EPIs correspondentes, quenes deben achegar os produtos”.
Cajoto recorda ademais que se debe gardar a distancia mínima interpersoal de dous metros e “non achegarnos ao mostrador ata que nos toque, por quenda”. Na entrada ao mercado “haberá unha caseta con xel hidroalcólico e máscaras para aquelas persoas que non leven ese material. Debemos non descoidar as medidas sanitarias para evitar un rebrote”, concluíu o rexedor.