O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fallou a favor de establecer que as traballadoras de residencias privadas da terceira idade deben ter un “descanso mínimo de 48 horas continuadas“. A sentenza dá a razón aos sindicatos CC OO, CIG e UGT no tocante ás súas reivindicacións a respecto dos descansos semanais e do sistema de compensación polos festivos traballados no sector dos xeriátricos.
O TSXG declara o dereito dos empregados das residencias privadas a gozar de xeito real e efectiva, diferenciada e independentemente, dos descansos semanal (día e medio ininterrompidos) e diario (doce horas), sen que de ningún xeito poidan solaparse.
Así, “milleiros de traballadoras ven recoñecido xudicialmente o dereito a un descanso mínimo de 48 horas continuadas”, subliña CCOO.
O Tribunal entende claramente que a empresa, cando non compense economicamente os festivos traballados, nin conxuntamente doce feriados traballados, debe compensar cada un deles a razón de 1,3 xornadas laborais no suposto de acumulación coa vacacións anuais, ou no caso de goce independente ou acumulado inferior a doce días festivos traballados, conforme ao establecido no propio convenio colectivo.
Así mesmo, na sentenza recoñécese que o dereito ao descanso semanal de día e medio que lle corresponde ás traballadoras terá que ser de 48 horas, evitando desta maneira solapar as doce horas de descanso ao rematar a xornada.
O fallo cínguese, segundo o TSXG, ao establecido no IV Convenio Colectivo de Residencias Privadas de Terceira Idade de Galicia, aprobado o 13 de marzo de 2018.
OS SINDICATOS INSTAN ÁS EMPRESAS A ACATAR O FALLO
“É unha dura derrota para as pretensións das patronais”, sinala CC OO, que convida ás empresas a cumprir a sentenza e non buscar máis recursos xudiciais porque “non se pode demorar” a compensación necesaria aos traballadores, na súa maioría mulleres, que “acumulan un enorme cansazo debido á xestión da pandemia” de coronavirus.
Nese sentido, CCOO opina que se as empresas tratan de seguir a vía xudicial “é como unha estratexia máis para dilatar o conflito e obstaculizar a súa resolución, prexudicando aos traballadores”.
“Hai que subliñar que estes dereitos son incumpridos de maneira sistemática polas empresas xa que así aforran cartos en contratacións a conta de sobrecargar os seus cadros de persoal que, maioritariamente, están axustados ao mínimo que lles permite a normativa”, expón, pola súa banda, a CIG.